Pontevedra homenaxea a Manuel Lueiro Rey no seu centenario

O Pazo da Cultura acolle hoxe a presentación de Non debía medrar

Unha exposición fotobiográfica, música, coloquios, presentacións e recitais son os xeitos nos que a cidade de Pontevedra está a celebrar o centenario de Manuel Lueiro Rey baixo o lema Camiño aberto. O Pazo da Cultura acolle ata o vindeiro 12 de xuño a mostra de fotografías que percorre a vida deste escritor e xornalista nado en Fornelos de Montes. No mesmo lugar celébrase, ás 20 horas de hoxe, a presentación da reedición de Non debían medrar, obra de Lueiro que publica Xerais e que foi editada por Ramón Nicolás. Para o vindeiro 26 de maio está previsto un acto no que o protagonista será a poesía mentres o 2 de xuño abordarase a vetente xornalística deste creador.

As celebracións continuarán o 9 de xuño cun encontro no que especialistas como Luís Cochón, Antonio Chaves, Marilar Aleixandre, Eli Ríos ou Xesús Alonso Montero tratarán os perfís humanos, literarios e políticos do homenaxeado. Canda a todos eles, unha selección de artistas plásticas como Pepe Caccamo, Miguel Karballo, Sula Repani, Claudio Maseiro, Antón Sobral, Carmen Hermo, Rosa Úbeda ou Itziar Ezquieta participan tamén coas súas obras neste recoñecemento.