Logo das súas colaboracións con Luís Peixoto, Riobó, Coanhadeira, Os Cempés ou Assembly Point, Fernando Barroso lanza o seu primeiro álbum en solitario. O ferrolán dálle ás guitarras todo o protagonismo en Intropía, dezasete temas acústicos e instrumentais nos que contou con colaboracións como as de Xabier Díaz, Isaac Palacín, Xose Manuel Budiño, Begoña Riobó, Manuel Paino e Oscar Fernández, entre outros. Bouzouki, mandolinas, cavaquinhos ou violas portuguesas danse cita nunha exploración constante das posibilidades das cordas nun álbum que nace da "necesidade de voltar ás orixes. Reflexionar, crear e controlar o caos, para asignarlle un certo valor de beleza".