Lingua de familia

A situación da lingua condiciona as políticas lingüísticas familiares a prol do galego

A situación da lingua condiciona as políticas lingüísticas familiares a prol do galego
Imaxe da serie O faro. TVG.
Canda ás grandes campañas institucionais, os anuncios e o traballo na escola, mantéñense na nosa sociedade toda unha serie de micropolíticas lingüísticas. Decisións cotiás, individuais ou de pequenos grupos, que determinan en boa medida o futuro galego. O investigador Anik Nandi presenta nestes XVIII Encontros para a Normalización Lingüística a súa análise encol do xeito no que estas estratexias se desenvolven no seo das familias.

En decembro 2014 dábanse as coñecer os datos do Instituto Galego de Estatística que verificaban un descenso histórico no emprego da nosa lingua pola mocidade. Segundo estes datos, un 47% das crianzas nunca fala galego, o que supuxo un incremento de 17 pontos en só cinco anos. A comentar estes datos, o presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijóo apuntou a responsabilidade das familias nesta tendencia, a desvinculala das políticas públicas sobre a lingua centradas no ensino. É a partir destas declaracións, que Anik Nandi, investigador da Heriot-Watt University do Reino Unido e mais do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, comezou a centrar as súas investigacións nas micropolíticas encol da lingua. "O meu interese por esta perspectiva comeza pola comunicación dos últimos datos do IGE. Nese momento o goberno bótalle ás familias a pelota do descenso do emprego do galego na mocidade. Entón eu pregunto se é realmente unha cuestión da familia ou se existen outros factores que condicionan esta situación".

Deste xeito, comezou unha investigación de casos que o levou a falar con profesores e diferentes familias galegofalantes de zonas urbanas e periurbanas de Bertamiráns, Compostela, Ferrol e Vigo para ver como se desenvolven as políticas lingüísticas no seu seo e que factores interveñen no seu éxito ou fracaso. Nandi xa presentou na última edición dos Encontros para Normalización Lingüística que organiza o Consello da Cultura Galega unha primeira aproximación a este traballo, e recunca agora na nova xeira con novas conclusións sobre estes procesos.


RESISTENCIA DENDE ABAIXO. O PAPEL DAS MICROPOLÍTICAS LINGÜÍSTICAS NAS FAMILIAS GALEGAS. (16/10/2015)


As políticas máis pequenas
Ao situarnos a escala familiar, cómpre mudar a nosa perspectiva sobre o que entendemos por política lingüística. "Normalmente ao falarmos sobre esta cuestión pensamos en leis, en algo que vén do goberno", explica o investigador. "No entanto, nos últimos desenvolvementos neste campo estase indo desde ese aspecto macro, que é o gobernamental, a perspectivas máis micro". Deste xeito, "a un nivel moi básico, este concepto refírese a calquera decisión ou elección feita sobre a lingua, segundo as necesidades, a diferentes niveis. Nese sentido política lingüística familiar son as decisións explícitas ou implícitas que os membros adultos da familia toman sobre o uso e a aprendizaxe da lingua dos nenos, e que ás veces se desenvolven xeito non consciente". Nun exemplo do caso galego, Nandi sinala que "Desde as primeiras migracións á cidade desde as aldeas, durante o franquismo, os pais galegos tiveron que aceptar unha política lingüística pro castelán que lle aplicaron aos seus fillos. Moitos nin sabían falalo, pero como traballaban na rúa atopáronse cunha presión enorme e tiveron que aceptalo".

Liberdade condicionada
A elección dunha determinada política lingüística non é para este investigador, que segue os postulados de Foucault e de Bourdieu, algo que se faga de xeito totalmente libre. "Desde a miña perspectiva, eses adultos non son libres porque están inseridos nunha sociedade que xa está controlada por un poder", sinala. "Unha política lingüística familiar non é algo lineal. Eu presento un modelo no que se amosa que vén de todas partes. O contexto sociolingüístico, socioeconómico, as propias historias dos pais e as súas linguas, as súas inclinacións políticas, as redes sociais que posúen ou o seu coñecemento sobre o bilingüismo, teñen que ver en como se desenvolve". A propia política oficial aparece como un condicionante de grande peso na eleccións sobre lingua que se dan no seo das familias. "Debemos pensar que os pais de hoxe tamén pasaron polo sistema educativo. Cómpre ollar como foron os últimos trinta anos de política lingüística, na realidade non se implementou axeitadamente fóra dos documentos oficiais. Foi sempre, como acertadamente ten dito Anxo Lorenzo, unha política de baixa intensidade, enfocada de xeito especial no campo da educación. E logo o Decreto para o Plurilingüísmo está a restrinxir o ámbito do galego no ensino, de xeito especial nas cidades". Deste xeito, "se buscamos responsables, comprobamos que os pais non dirixen todos estes factores, en moitos casos están controlados polo goberno".

No entanto, e malia aos condicionantes, existen opcións. Tal e como lembraba na súa comunicación na última xeira dos Encontros, "a implementación da política lingüística do goberno desenvólvese a un nivel intermedio, de comunidade e micro, de indivíduo. Actores como pais, nais ou profesores xogan un importante papel na implementación da política lingüística macro. Se están en desacordo con ela, os indivíduos poden desenvolver as súas propias políticas de resistencia á mesma".

Modelo complexo
Deste xeito, a combinación de factores que inciden na elección dunha política e no seu éxito fan extremadamente difícil establecer que estratexias se poden desenvolver para que esta chegue a bo porto. "Non se poden dar receitas, non é algo que funcione directamente", recoñece Nandi. A familia é un enlace entre a sociedade e o individuo. A ollar os datos do meu traballo, vese que o castelán ten un maior poder simbólico ou capital social. É unha lingua predominante no exterior, e iso crea incongruencias. Aínda que os pais queiran que os fillos falen galego, moitas veces mudan de lingua ao chegar á escola. Moitos contan que contan que cando o neno ten tres anos e comeza a xogar, atópase con burlas pola súa lingua. E cando o neno ve que non está aceptado no grupo por iso, muda de lingua".

De feito, este investigador apunta que na maior parte dos casos estudados os pais que pretenden que os seus fillos se expresen fundamentalmente en galego fracasan na súa política. "Este é un proceso de negociación continua dentro da casa. Moitas veces os pais e nais a prol da nosa lingua desenvolven unha política de resistencia que establece que dentro da casa sempre se fala galego e punto. O que acontece na maioría dos casos é que non conseguen que os fillos, cando menos nun contexto urbano, manteñan a lingua", explica. "Ante esa situación dáse unha negociación na que os pais falan sempre galego a agardar que o fillo nalgún momento vaia responder. Hai casos nos que se ve que os nenos adquiren consciencia en certo momento, ou se teñen irmáns maiores que falan galego, a situación muda, e recuperan a lingua. Pero seguen a ser poucos".

Estratexias
Canda a esta, o estudo de Nandi recolle diferentes estratexias que os pais do noso país empregan para tentar favorecer o uso do galego entre as crianzas, e que van desde incorporar produtos culturais na nosa lingua ata buscar grupos de socialización e de xogo para os cativos nos que esta sexa maioritaria. "Se queres ter unha política lingüística neste contexto, precisas trazar pontes entre escola, familia e os contornos galegos, a tentar que sexan pro galegos ou que teñan unha actitude positiva cara a lingua", resume o investigador. "Hai xente que procura darlle máis prestixio dentro da casa ao galego. Unha nai en Compostela explicaba que a súa filla estaba incómoda en determinados momentos e que prefería pasar ao castelán. Entón ela contáballe que tamén pasara experiencias similares, e indicáballe que se os amigos, se a querían, habían querela igual aínda que falase galego. Outros pais, en Vigo, dicían que o papel das familias era importante á hora de lle dar orgullo aos nenos de ser quen son, non só lingüisticamente. Esta é unha planificación de prestixio da lingua minoritaria", explica. "Noutras estratexias vemos que moitos dos pais fan a xestión de ir a bibliotecas buscar películas e material en galego, pero tamén se queixan de que non atopan abondas. Está claro que existe unha hexemonía do castelán neste sentido, e fronte a iso hai casos nos que incorporan outras linguas como o inglés, porque teñen claro que o castelán o vai aprender sempre".

Na mesma liña está a preocupación por atopar centros de ensino nos que a nosa lingua teña unha presenza importante. "Nos últimos anos, desde que o goberno acabou co modelos das Galescolas, moitos pais concienciados que querían que os seus fillos aprendesen galego nos primeiros anos de escolarización atopáronse sen opcións, aínda que hai experiencias con moitos anos de actividade como Raiola o Paparolo". Para alén destas, diferentes familias van alén e apostan por colaborar no desenvolvemento de proxectos educativos en galego. "Algunhas familias que entrevistei manteñen unha perspectiva máis activista como os que están implicados en proxectos como Semente e Avoaescola".

A importancia do macro
Como unha primeira conclusión do seu traballo, Nandi apunta a necesidade de que exista unha política pública a prol do galego. "Aínda que o goberno quere botarlle a culpa ás familias, non se lles pode responsabilizar completamente. Quen é realmente necesario que teña un papel favorable á lingua é o goberno. Certo que cómpre un traballo por parte dos pais, que todos cos que falei eu están a tentar continuamente que os seus fillos falen galego e crear un ambiente no que os nenos poidan medrar en galego, mais raramente o conseguen".