A vindeira Feira do Libro de Bos Aires, que conta con Santiago de Compostela como cidade convidada, contará cunha nutrida representación da literatura galega. Unha trintena de autores e autoras, vinte editoras e preto de cento cincuenta actividades achegarán as nosas letras ao encontro que se celebra entre o 21 de abril e o 9 de maio. O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e mais a concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago, Branca Novoneyra presentaban esta mañá un adianto do programa galego para a feira, no que se inclúen coloquios sobre a poesía escrita por mulleres, a novela negra ou a tradución dos clásicos, ademais de presentacións, intervencións artísticas, lecturas dramatizadas, recitais poéticos, obradoiros de ilustración ou conferencias sobre ciencia, o Códice Calixtino, o Camiño de Santiago ou o audiovisual.
No marco desta actividade desenvolveranse tamén cadansúa exposicións con Eduardo Blanco-Amor, Ramón María del Valle-Inclán e Camilo José Cela como protagonista, ademais da mostra Santiago, cidade ilustrada e mais José Suárez. Uns ollos vivos que pensan, que levará á cidade o traballo deste fotógrafo xa despois do verán.
Manuel Rivas, Domingo Villar, Xavier Queipo, María Solar, Yolanda Castaño, Miguel Anxo Fernán Vello, Pedro Feijoo, Ledicia Costas, Xaquín del Valle-Inclán, Diego Ameixeiras, Cesáreo Sánchez, Xesús Alonso Montero, Víctor F. Freixanes, Ramón Villares, Xavier Alcalá, Luís G. Tosar, Elena Gallego, Clara Gayo, Antón Lopo, Benigno Campos, Teresa Moure, José Edelstein e Jorge Mira son os nomes que está previsto que participen na feira.