O Descoñecido, Lobos Sucios e Hospital Real concentran as candidaturas dos Mestre Mateo

Os premios do audiovisual entregaranse o 23 de abril no Pazo da Ópera de A Coruña

Presentación dos finalistas aos premios Mestre Mateo
Presentación dos finalistas aos premios Mestre Mateo
Quince nominacións para o filme O Descoñecido sitúan esta produción como favorito para a actual edición dos Premios Mestre Mateo. Moi achegado a ela está Lobos Sucios, con 14 candidaturas, mentres a serie de televisión Hospital Real, con once, é a terceira máis recoñecida. A Academia Galega do Audiovisual daba a coñecer esta mañá os finalistas para os seus galardóns anuais, que se seleccionarán agora por votación dos socios. Destacan na listaxe tamén a serie Serramoura, que compite por sete estatuas e a longametraxe Las altas presiones, presente en 5 candidaturas. Esta última, canda a A Praia dos Afogados completan, con O descoñecido e Lobos sucios os traballos con opción a levar o premio ao mellor filme. A gala dos premios celebrarase o 23 de abril no Pazo da Ópera de A Coruña.

Á mellor serie están tamén nominados, canda a Hospital Real e Serramoura, Era Visto! e mais Luci. En programas televisivos compiten Land Rober Tunai Show, Naqueles Tempos, Naúfragos e Zigzag Diario. Para mellor actor protagonista están na listaxe Antonio Durán "Morris", Federico Pérez, Luís Tosar e Matthew Fox. O premio para actriz protagonista rífase entre María Vázquez, Marian Álvarez, Nuncy Valcárcel e Paula del Río. As webseries Dalle Jas!, El Método Sueco, Gafas E Pallaso e P.I.B optan ao galardón nesta categoría, mentres o premio do documental irá para Os días afogados, Querida Gina, Torre de Breoghán ou Unitarias. Historia dun Mestre galego.