Chévere estrea en Muros Eroski Paraíso

O proxecto presentouse no festival dFERIA, de Donosti

O vindeiro venres 19 a antiga Fábrica de Sel, en Muros, acollerá a estrea do primeiro traballo de Chévere despois de ter recibido o Premio Nacional de Teatro en 2014. Eroski Paraíso é unha montaxe na que a compañía mestura o documental audiovisual e o teatro nun proxecto ambientado precisamente na vila mariñeira. A transformación da antiga discoteca Paraíso nun supermercado serve de escenario para esta historia, na que se aborda, desde a ollada dun mozo que fai un documental sobre a historia da súa familia, "o desarraigo vital de toda unha xeración" que se exemplifica cuns protagonistas que "como tantas outras familias marcharon e andaron a tombos dun lado a outro deixando que a vida decidise por eles", segundo explica a presentación da obra.



A compañía opta nesta ocasión por unha montaxe de mediano formato, con catro actores sobre o escenario. Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Cristina Iglesias e a colaboración especial dun veciño do concello de Teo contan unha historia escrita por Manuel Cortés e dirixida por Xesús Ron. Logo da estrea, a obra poderá verse en Muros ata o 20 de marzo e visitará despois Lalín (13 de maio) e A Coruña (20 e 21 maio).