O ALT volta a Vigo a centrar a atención na muller

A décimo quinta edición do festival celébrase entre o 9 e o 13 de marzo

Dez artistas e compañías galegas e foráneas daranse cita en Vigo entre o 9 e o 13 de marzo na décimo quinta edición do Festival ALT. A Asociación Noescafé Teatro corre de novo coa organización dun evento que sofre recortes a respecto da última xeira, con cinco funcións menos, e que se celebrará entre o Auditorio Municipal a Casa das Artes e o MARCO. Como puntos fortes do programa, dúas estreas a nivel internacional, as dos belgas Wooshing Machine e os austriacos Iris Heitzinger & Editta Braun Company, e tres estatais, a cargo de Vértebro Teatro, La sauna internacional e Vicente Arlandis. Ademais, Matarile Teatro representará El cuello de la jirafa e no MARCO desenvolverase a actividade Que pasa cando non pasa nada?, na que un grupo de voluntarios pasará a noite no museo.

Boa parte do programa intégrase no ciclo Alt.procrea en feminino, no que participan creadoras como Louisa Merino, Mercé de Rande ou Nuria Sotelo, Clara Ferrao e Maca Montesinos ademais dos xa mencionados Matarile e Iris Heitzinger & Editta Braun Company. Segundo explica a organización, esta sección pretende sensibilizar "sobre as desigualdades na creación e na produción intelectual artística e cultural das mulleres".