O perfil en negativo

Os hábitos culturais menos interesantes para os galegos amosan un retrato da nosa sociedade

Os hábitos culturais menos interesantes para os galegos amosan un retrato da nosa sociedade
Para alén estarmos por baixo da media estatal nos nosos hábitos culturais, unha serie de indicadores amosan un interese especialmente baixo por bastantes actividades deste ámbito. Desde a cantidade de xente que afirma non ler libros ao último posto no uso de ordenadores, estas cifras amosan tamén un perfil da nosa sociedade. Seguimos a peneirar no documento Hábitos e prácticas culturais (I) do Observatorio da Cultura.

Lemos pouco. Non integramos as novas tecnoloxías no ocio. Non temos especial interese en desenvolver actividades culturais fóra da casa e nin sequera a música nos chama especialmente. Se atendemos aos índices nos que os galegos estamos á cola do Estado en canto a hábitos culturais, obtemos un perfil en negativo dos nosos costumes neste ámbito.

A resistencia ás TIC
A atender ao documento Hábitos e prácticas culturais (I) que acaba de publicar o Observatorio da Cultura Galega do Consello da Cultura e que recolle datos do bienio 2014-2015 a nivel estatal, as novas tecnoloxías semellan ser algo que se nos resiste. Así, os galegos somos o que menos empregamos o computador a nivel estatal para entretemento e ocio, a vinte puntos dos lugares onde máis se emprega no conxunto de España. Do mesmo xeito, somos tamén os que menos lle damos estes usos a Internet. Tamén somos últimos na lectura de prensa rede, algo que choca co interese da poboación pola prensa en xeral. En canto a escoitar a radio, só un 8,2% dos galegos o fan en liña, dous puntos por baixo da media do Estado e tampouco acaba de se integrar o ordenador como medio para ver vídeos. Só un 26,8% dos galegos desenvolve esta actividade en aparellos conectados a un computador, a porcentaxe máis baixa do estado, mentres que só un 18% ve vídeos en streaming (segundos pola cola) e somos sextos pola cola no alugueiro de vídeos en canais dixitais.

Malia ao escaso impacto, semella que algúns usos das tecnoloxías da información e da comunicación están a se integrar con relativa rapidez nos nosos hábitos. O feito de que, se ben a maior parte da poboación (87,2%, só un 1% máis do que a media estatal) non accedeu nunca a bibliotecas a través de Internet, a porcentaxe que si o fixo tanto no último ano como nos últimos meses é lixeiramente superior ao habitual no Estado, o que semella indicar unha certa adopción da tecnoloxía para este uso. De xeito similar, aínda que continúa a ser minoritario, o emprego de ordenador para escoitar música subiu 10 puntos porcentuais desde 2011 e acadou o 27,8% dos usuarios, un crecemento que supera o estatal (que foi de menos de sete puntos). Resulta curioso que no emprego de videoxogos estamos case na media, un 15% da poboación fronte ao 17% estatal, con preferencia pola acción e a aventura e mais pola estratexia.

Un terzo non le
Un terzo da poboación galega afirma non ler nunca un libro, e somos quintos pola cola á hora mercar. Aínda que as cifras semellan catastróficas pódense matizar se temos en conta que un 57% dos galego si le algún libro de cando en vez, a só un 5% da media estatal. O feito de que non merquemos libros non se compensa tampouco por sermos grandes usuarios de bibliotecas. De feito estamos de sétimos pola cola en empregar estes centros, e un 61,2% da poboación nunca visitou a un destes centros nin accedeu a eles por internet (fronte ao 51% do Estado). Somos tamén dos que temos menos interese por as visitar, motivo que aduce un 39,6% da poboación para non ir fronte ao 31,8 estatal.

Só un terzo merca música
Somos quintos pola cola hora de mercar música. Non o fai nunca ou case nunca un 71,3% da poboación, dez puntos por riba da media, e cunha tendencia crecente desde 2006. A radio continúa a ser o medio máis empregado para escoitala, e para alén do computador, tamén no uso de teléfonos móbiles e de tablets estamos por detrás das tendencias estatais, mentres preferimos "equipos portátiles". En canto ao interese por asistir a concertos, estamos seis puntos por detrás da media, cun 22,3% fronte ao 28,5.

Poucas visitas
Semella que, polo xeral, as actividades que implican ir a algures non teñen unha grande aceptación no país. Un 35,9% de usuarios sitúanos décimos en visitas a museos, exposicións e galerías e arte, a 20 puntos de Madrid, que encabeza o ranking. Deste xeito, a falar especificamente de museos, o 44,4% da poboación non vai nunca, fronte ao 28% da media Estatal. Nas galerías de arte, un 70% dos galegos non as visita, contra 56,6. Fica atenuado este fenómeno no caso das exposicións, onde a asistencia está na media e a porcentaxe que nunca as visita é dun 50,5% fronte ao 42,5% do estado. Tampouco os depósitos arqueolóxicos contan con moito predicamento, xa que estamos na cuarta posición en canto a persoas que nunca visitaron un, o 59% dos galegos. De xeito curioso, a valoración sobre o interese que espertan estes espazos non é tan negativa como se podería pensar polo seu uso. Un interese de 4,1 sobre 10 no caso dos museos, de 4 puntos sobre as exposicións e de 3,1 para as galerías, fronte a medias de 4,7, 4,3 e 3,8 son posicións non moi afastadas do conxunto do Estado.

Só 1 de cada 5 van ver espectáculos
Semella que os espectáculos tampouco chaman moito a nosa atención. O 52.2% nunca ou case nunca asisten a espectáculos de artes escénicas, o que nos sitúa en penúltima con só o 20,6% da poboación a desenvolver este tipo de ocio. O mesmo posto en canto a asistencia ao teatro, cun 14,8% dos galegos e galegas que foron a algunha función no último ano e un 61,6% por cento que nunca ou case nunca o fan (18 puntos por riba da media estatal). En danza só un 5% da poboación foi a funcións no último ano e estamos de quintos pola cola, mentres no caso da opera ficamos como sétimos por detrás, malia a que só o 1,5% dos galegos e galegas asistiron a este tipo de obras no último ano estudado.

Últimos en ver cinema
Malia a ser moito máis popular, tampouco o cinema consegue un grande arraigo nos nosos usos culturais. Somos últimos en asistencia, e só o 27,1% dos galegos foron no último trimestre. Algunha vez no ano fixérono o 40,5% fronte a 54% de media estatal, mentres non vai nunca ou case nunca o 35% da poboación fronte a media do 19%. O prezo, o tempo dispoñible ou o desinterese son os principais motivos, aínda que este último adúcese nun 13,1% dos casos, máis do que na media estatal. Por preferencias, coincídese coa opinión estatal á hora de preferir filmes americanos, seguidos polos españois e, en último posto, os de factura europea.

Desintereses
Ao igual que no cinema, a falta de interese e de tempo aparecen nesta análise como os principais motivos para non desenvolvermos actividades culturais. En terceiro lugar preséntase, en varios dos indicadores, a ausencia de instalacións próximas ao fogar como un motivo, o que pode amosar a influencia da dispersión poboacional nestas cifras. No caso dos museos a falta de tempo e de interese (27,8% e 23,2%), así como a falta de oferta na zona de residencia (21,4%) adúcense como os principais motivos para non se acoller a esta oferta cultural. Fronte a outros lugares, é de destacar que o prezo supón unha menor barreira para a poboación do país, xa que só un 6,8% da poboación sinala non ir a estes centros por consideralos caros fronte ao 13,3 da media estatal. Tamén ao falarmos de bibliotecas a non existencia na zona (8%) está por riba da media estatal e aparece no terceiro posto de motivos para quen non as emprega.

Á hora de falarmos sobre a afección pola música de novo amosamos un importante desinterese, xa que estamos de quintos pola cola empatados con Asturias. Os concertos tamén chaman menos a atención, cunha media de 7 puntos de valoración sobre 10. Entre estes, o 40,2% da poboación valora coa puntuación mínima (entre 0 e 2) a súa afección aos de música clásica, e un 20,2% outórgalle esta mesma valoración ao interese polos de música actual. Nos espectáculos, o noso interese déixanos como terceiros por detrás. Valoramos con 4,3 puntos o teatro fronte á media estatal de 5,3; con 3,6 puntos o circo, con 2,9 o ballet ou a danza, con 2,3 a ópera e con 2,1 a zarzuela (por diante de Cantabria).

Así pois, cabe pensar en que unha grande parte da poboación non considera interesantes as actividades culturais que se presentan no estudio. No entanto, si existe unha serie de indicadores que nos que presentamos unha actividade cultural por riba da media. Analizámolos na nosa seguinte reportaxe.