Banda deseñada de Kiko da Silva e Miguel Robledo para CCOO

Maiópolis, un xeito imaxinativo de facer un sindicato

Kiko da Silva e Miguel Robledo fan unha banda deseñada para Comisións Obreiras arredor do dereito á folga

Unha banda deseñada para explicarlles como e por qué se crea un sindicato a rapaces de arredor de doce anos de idade. Esta é a encarga que lle fixo a comezos deste ano o sindicato Comisións Obreiras a Kiko da Silva, coa intención de publicala con ocasión do Primeiro de Maio.



O resultado, "Maiópolis", unha historia muda a cor, de arredor de vinteoito páxinas e en formato comic-book, conta a historia dunha cidade imaxinaria onde os traballadores vense obrigados a traballar no interior do dictador mecánico Cofrán. Cansos da súa situación únense para liberarse e, logo de acadalo, deciden asociarse nun sindicato para manter os seus dereitos.



Deste xeito, Kiko dá unha visión fantástica dun tema a priori tan realista e didáctico como é a creación dun sindicato. Ademais, o autor quixo realizar unha homenaxe a "Metrópole" e ó cine mudo e inclúe no medio da historia páxinas en negro nas que se explica a acción. O guión da historia é tamén de Kiko, que conta co story-board e a planificación de Miguelanxo Robledo para dar forma a unha historia que asinan a dúo.



"Maiópolis" sairá á rúa o día un de maio e distribuirase en centros de ensino de todo o país. Aínda que a tirada inicial é de mil exemplares, desde o sindicato prevense realizar reedicións se a aceptación é boa. Kiko sinala a posibilidade de que parte destes exemplares se distribúa en librerías especializadas do país.

Páxina 2 de

Páxina 2 de "Maiópolis"

Obra de Miguel Robledo e Kiko da Silva