Aquela vangarda dos cadriños

A primeira tese doutoral sobre banda deseñada galega analiza o labor dos autores dos anos 70

A primeira tese doutoral sobre banda deseñada galega analiza o labor dos autores dos anos 70
Fragmento de O home de falaba vegliota
Por vez primeira unha tese de doutoramento achegouse á historia da banda deseñada galega. Xulio Carballo Dopico presentaba o pasado 23 de xullo na Universidade da Coruña Para unha historia da Banda Deseñada Galega: a narración a través da linguaxe gráfico-textual, no marco do programa Estudos lingüísticos e literarios do galego e do portugués. Este amplísimo traballo, de máis de setecentas cincuenta páxinas, aborda a creación da novena arte do noso país ao longo da década dos anos setenta. Falamos co seu autor das claves desta década crucial para o cómic do país.

Unha boa dose de historia oral e de entrevistas, localización de materiais inéditos e dispersos, análises e moito traballo están detrás dun traballo que desvenda a creatividade e as conexións artísticas que tiñan aqueles primeiros creadores que creron na necesidade e na posibilidade dunha banda deseñada feita en Galicia. Un período crucial que, no entanto, non deixou unha pegada especialmente importantes en posteriores creacións da nosa BD.



Xulio Carballo Dopico
Xulio Carballo Dopico



Por que centraches o teu traballo nesta década?
En realidade a miña tese aspiraba a recoller un período máis amplo e chegar ata o momento actual da banda deseñada. Nese sentido, os anos setenta eran unicamente o punto de partida, pero a cantidade de material que se foi atopando fíxome ver a necesidade non só de o referenciar, senón tamén de facer unha pequena análise sobre el. Entón vin que nesta década había material abondo para toda a tese. Ademais, achegaba un marco temporal definido que encadraba a investigación. Falamos do inicio da banda deseñada contemporánea en Galicia, aínda que haxa precedentes. Este é o comezo consciente no que hai vontade de elaborar unha BD galega e a partir de aí esta arte desenvólvese sen cortes intermedios ao tempo que dá un pulo a todo o sistema artístico que había antes.

O marco temporal está marcado pola edición de O emigrante de Xaquín Marín e aparición de O home que falaba vegliota de Reimundo Patiño no ano seguinte, e remata coa edición de Xofre no 79, que é cando se dá o salto á profesionalización dos autores con nomes como Miguelanxo Prado, Xan López Domínguez ou Fran Jaraba. Ademais, Xofre marca como primeiro fanzine, o comezo dunha nova etapa na que a BD ten o seu apoxeo nesta forma e na das revistas.

Finalmente, os 70 condensan as diferentes expresións pioneiras. É o tempo da primeira historieta de BD, do primeiro álbum, da primeira exposición, das primeiras traducións de obras foráneas, do primeiro fanzine ou da primeira BD histórica en galego. E todas foron xurdindo nun espazo de tempo moi pequeno.

"Reimundo Patiño vía que a BD era o medio perfecto para levar a arte ao maior número de xente"



Realmente trátase dun período moi vizoso para o xénero, como foron eses comezos?
Todo comezou da man de Reimundo Patiño, que xa viña de tentar crear diferentes organizacións artísticas e políticas, como o movemento Estampa Popular Galega. El vía que a BD era o medio perfecto para levar a arte ao maior número de xente, como un medio de comunicación de masas ben entendido que podía levar tamén á mobilización. En contacto con Xaquín Marín crean o grupo Fusquenlla, aínda que este último explica que na realidade non chegou a funcionar como colectivo artístico. A publicación de O emigrante de Marín en Chan e mais a exposición O home que falaba vegliota de Patiño, en Madrid, deron pé a que a xente comezase a ver que había a posibilidade de publicar polo medio do cómic. Aí comezou a se percibir que esta era unha arte que podía ser galega e reivindicativa fronte á visión da mesma como un produto foráneo que existía anteriormente.

Precisamente é cando a xente do Grupo do Castro, (Xosé Díaz, Chichi Campos, Luís Esperante e Rosendo Díaz Roxo) ve o traballo de Patiño en Madrid que toma consciencia do que se podía facer, e ao seu retorno a Galicia, no verán do 72, constitúense como grupo e comezan a crear e a expor as súas obras. Logo iría aparecendo outra xente, como Pepe Barro ou Ricardo Lázaro. Tamén irían cristalizando proxectos como a revista Vagalume ou o suplemento Axóuxere no xornal La Región.

"Os comezos da BD en Galicia foron algo transgresor. Aquí partiuse dunha posición máis avanzada do que outros sistemas con máis tradición"



Como era aquela BD a nivel de temáticas e de estilo?
Nas primeiras obras desta época o que máis destaca a nivel de estilo é a conexión coa pintura. Tanto Patiño como Marín e a xente do Castro viñan deste mundo, e o pouso pictórico pódese ver nas súas obras. Dentro disto, son propostas que crean, especialmente no caso de Marín e Patiño, unha estética propia, transgresora a vangardista. Isto é algo curioso porque os comezos da BD en Galicia foron algo transgresor, cando o habitual ao nacer unha arte é que se aposte por imitar modelos foráneos. Aquí de feito partiuse dunha posición máis avanzada do que outros sistemas con máis tradición na BD. Logo destes comezos, cando se elaboran propostas para nenos como a revista Vagalume, hai autores que xa adoptan estilos que teñen como referencia os cómics da editorial Bruguera. Pero os pioneiros en xeral rexeitaban produtos estatais como El Guerrero del Antifaz ou Roberto Alcázar y Pedrín, que representaban para eles a BD da ditadura.

Nalgunha obra da xente do Castro pódese ver a pegada do Cómix underground americano, non tanto a nivel estético como na temática. A chegada destas revistas deu pé a comprender que o cómic era máis do que superheroes e propaganda belicista. Estes creadores viron que podía ser un revulsivo no que aparecían o sexo ou as drogas. Aínda que en xeral na BD galega non aparecen estas cousas, si que se apostou por facer un cómic explicitamente adulto que tratase temas duros e reivindicativos. Tamén se nota rastro en temáticas como a ciencia ficción. Por exemplo o álbum Ratas de Xaquín Marín ten moita débeda de O planeta dos simios e de obras deste xénero dos anos sesenta e primeiros setenta. Autores franceses como Moebius e Druillet . Reimundo Patiño, que é quen ten acceso a estas publicación, recollía todo o que estaba a facer internacionalmente e pasoulle estas influencias ao resto dos autores.

Cun sector editorial mínimo e problemas coa censura, cales eran as canles polas que chegaba ao público esta produción?
Tanto Patiño como o grupo do Castro xa sinalaban nalgunhas entrevistas que a fin ultima dos seus traballos era a publicación. No entanto, os recursos materiais, tanto económicos como de distribución necesarios eran moi dificultosos para época, e entón o mellor xeito de se dar a coñecer era a exposición. Patiño fixérao en Madrid con O home que falaba vegliota, e cando o Grupo do castro ve iso quere facelo aquí tamén. Tentouno nas festas do Castro no verán do 72, cando expuxeron nunha lona que axiña lles retirou a Garda Civil. Logo a canle foi a Escola Normal da Coruña onde tiñan contactos con outra xente nova, e tamén o Colexio Dominicos, onde lles deixaron pór uns paneis cos seus traballos aínda que só por unhas horas antes de que fosen retirados. A partir des a visibilidade xurdiu a revista A Cova das Choias. O editor Carlos Xohán viu ese material, pareceulle publicable, e sacouno na súa editora de Xenebra. Logo distribuíse de xeito clandestino en Galicia. As seguintes exposición que percorreron Galicia tiveron apoio das asociacións culturais que estaban a nacer desde había uns anos como O Galo en Compostela, O Facho na Coruña, Francisco Lanza en Ribadeo ou outras que cederon os seus locais.

Pouco tempo despois atopamos que a BD salta á prensa, hai tiras de Xaquín Marín ou Esperante, planchas de Pepe Barro, ou personaxes como a Sabeliña de Xosé Lois. Neste medio foi onde máis se publicou e onde se obtén máis visibilidade. De aí xorden propostas como Vagalume. Esta revista infantil naceu cunha campaña de subscrición moi forte, a enlazar con colexios e institutos e con entidades como o Instituto da Lingua Galega. Tamén se o primeiro apoio institucional á BD cando se fai a primeira BD histórica, unha historia da Reconquista de Vigo de de Bofill e de Lalo que é un folletiño de cinco páxinas e conta coa colaboración do Concello.

Detéctanse tendencias ideolóxicas en todo este movemento?
Si, había unha certa homoxeneidade nese sentido. O Grupo do Castro era moi reivindicativo, e proclamábase antiautoritario. Logo tamén se vía certa conexión entre quen publicaba nos xornais, con tiras diarias ou periódicas que daban conta e criticaban acontecementos do momento como a defensa ecolóxica contra as centrais nucleares ou a loita das Encrobas. Xa máis adiante, o tema do estatuto, ou cuestións como a emigración eran temas que saían moi a miúdo. A emigración era algo presente en obras como 2 viaxes, Ratas, O emigrante ou na adaptación que fai Pepe Barro do relato Carta do pai de Darío Xohán Cabana.

"Houbo xente como Luís Seoane que vía ben esta aposta e animaba aos do Castro a seguir. Pero por outra banda, seguía sen estar moi ben visto"



Como foi a recepción destes traballos na época?
Penso que con luces e sombras. Houbo xente como Luís Seoane que vía ben esta aposta e animaba aos do Castro a seguir. Pero por outra banda, seguía sen estar moi ben visto. Se colles o manifesto ou o díptico de presentación da exposición que fixeron con O Galo, fan unha captatio benevolentiae na que sinalan que "haberá quen fale de xogos snob, underground, raigañas anglosaxonas". Isto denota que eran consciente de que facían algo que non sería ben visto por moita xente. O cómic era un produto visto como imperialista, viña de Estados Unidos, non era arte, non era unha expresión culta. Case seguro que houbo moita xente, aínda que non é fácil dicir nomes concretos. Díaz Pardo, por exemplo non o vía de todo ben, el contraatacaba cos seus cantares de cego. Tamén houbo xente que os apoiou como as asociacións culturais.

A outro nivel, facía falla bastante valor para publicar o que facían, polo propio feito de estar en galego xa era un problema, e logo o propio contido de denuncia que tiñan as obras. O home que falaba vegliota sinalaba a exterminación do galego, no Grupo do Castro tiñan que facer ataques que permitisen dobres interpretacións. As súas dúas primeiras exposicións foron censuradas e retiradas ao momento, a itinerante do Galo foi atacada por grupos falanxistas, A Cova das Choias saíu clandestinamente, Xaquín Marín foi censurado varias veces cando publicaba os seus pés en La Codorniz. Luís Esperante sinalaba que nas súas Historias dunha vella descoñecida o personaxe vella caía, e el debuxábaa nunha postura rara para que ao se erguer acabase co puño ergueito. Era algo raro pero era o xeito de sacar un puño ergueito como símbolo de loita obreira.

"Nos 80 comezou unha nova etapa que en xeral foi totalmente diferente"



Pensas que ficou pegada daquel movemento na BD galega posterior?
A BD reinventouse, houbo un corte total e o que se fixo despois non ten nada que ver. Nos 80 comezou unha nova etapa que en xeral foi totalmente diferente. Penso que isto se debe en parte a que foi un comezo tan transgresor que a xente dos 70 fixo o que supostamente tería que pasar logo. E nos oitenta deuse precisamente o movemento de coller modelos máis canónicos. Os fanzines galegos ían seguindo o que se estaba a facer en Madrid ou en Barcelona. Tamén comezou a se publicar moito máis en castelán. Pola xente que traballou nesa década coa que falei, a maior parte nin vira as exposicións do Grupo do Castro nin sabía do traballo de Reimundo Patiño, en xeral descoñecía o que se fixera antes.

A nivel de obras, cales foron as principais descubertas que trouxo esta investigación?
Apareceron todas as obras que fixeron parte da exposición de O Galo, no faiado da nai dun dos antigos presidentes da asociación. Estaban alí ocultos desde o 75 e non ven a luz agora grazas a este traballo. Logo tamén foi unha descuberta todos os autores que publicaron nos xornais e que estaban esquecidos. Saíron á luz cousas como a sección As furnas do Rei Cintolo en El Ideal Gallego, cos traballos de Luís Esperante, o Fuco de Veiga en La Voz de Galicia, páxinas excepcionais de Pepe Barro ou de Xaquín Marín ou a historia de ciencia ficción Comandante Iago de Ulises Sarry, que saíu no suplemento infantil Axóuxere de La Región. Estes autores agora pódense recuperar como o que son, os iniciadores da nosa BD cun nivel moi elevado que merece ser posto sobre a mesa.

Como ves a investigación sobre a banda deseñada en Galicia?
A recepción do traballo está a ser moi boa e amosa a gana de que haxa estudos serios sobre a BD galega. Hai moito interese, persoas que consideran que cómpre avanzar nisto e que resulta incrible que logo de 40 anos de traballo non exista aínda unha historia sobre a BD galega, cando debería haber xa varias. Hai moi pouca xente que nos esteamos a mover neste ámbito e non hai quen se poida dedicar completamente a isto. Non existen bolsas de estudo nin áreas da universidade nas que se trate isto. Entón é moi difícil que poida saír algo, require moito traballo. Temos material como as tiras de prensa destes autores dos setenta que resumen as historia do país tira a tira, cómpre dixitalizar iso ou algún día desaparecerá.