O Museo das Peregrinación estrea os contidos da súa nova sede

O centro celebra xornadas de portas abertas ata o 15 de novembro

Aínda que o edificio abriu a súas portas en 2012, é neste mes de novembro de 2015 que a nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago, na Praza das Praterías, estrea proxecto expositivo. Segundo explica a Consellaría de Cultura, que xestiona este centro de titulariedade estatal, "o novo programa expositivo, redactado polo equipo técnico do museo, pon de relevo a transmisión de valores como a tolerancia ou a interculturalidade a través dun discurso que, partindo do fenómeno universal das peregrinacións, mostra a relevancia da peregrinación xacobea e a súa incidencia na evolución da cidade compostelá". As historia das viaxes a Compostela, outras peregrinacións existentes no mundo ou a configuración da urbe son algúns dos temas que poderán coñecer os visitantes.

De cara a dar a coñecer estes contidos, o centro celebra ata o vindeiro 15 de novembro unhas xornadas de portas abertas que permitirán acceder de balde á exposición. O museo manterá a súa sede na Casa Gótica, tamén en Compostela, que quedará centrada en tarefas de xestión e administrativas, mentres que o apartado expositivo concentrarase en adiante no edificio de Praterías.