Un encontro en Compostela lembrará a Begoña Caamaño

A cidade acollerá tamén novas sesións do ciclo Escrita(s) Almaci(gas)

Un ano despois do falecemento de Begoña Caamaño, unha trintena de nomes da cultura reúnense para renderlle homenaxe á escritora e xornalista. Compostela acolle este sábado, baixo o lema Begoñísima, unha mesa redonda sobre Sororidades (na Fundación Granell) e mais un acto de lembranza no Teatro Principal. Uxía, Mercedes Peón, Alba María, Habelas Hainas, De Vacas, as Candongas do Quirombo, Aldaolado, María Xosé Queizán, Antía Pérez Caramés, Ana Sánchez Bello, Carmen Castro Garcia ou Lola Ferreiro Díaz serán algunhas das participantes. Ademais, a coincidir con este evento, presentaranse as obras O libro das Amigas, con deseño de Uqui Permui e ilustracións de Montse Amigo e mais Circes e Morganas. Homenaxe das escritoras a Begoña Caamaño, promovido pola Plataforma A Sega.

A coincidir con este evento, o ciclo Escrita(s) Almaci(gas) volta á cidade con dúas novas sesións nas que se abordará a cuestión A media do (im)propio. Galicia ano 3015. Claudio Pato coordina un encontro no que participan nomes como Misha Bien Golas, Manuel Eirís, Alba Cid ou Óscar Iglesias entre outros.