Cada vez máis escrito, cada vez menos falado

Os Encontros pola Normalización Lingüística instan á colaboración entre institucións

A maioría da mocidade de Galicia (entre 15 e 24 anos) ten un dominio efectivo do galego, idioma no que cada vez se escribe máis e fala menos. As cifras así como as experiencias de normalización e planificación pensadas para os máis novos expuxéronse na XVII edición dos Encontros para a normalización lingüística. Unha cita de referencia que organiza anualmente o Consello da Cultura Galega (CCG) na que se puxo en evidencia a necesidade dun traballo colaborativo entre entidades e institucións que permita inverter a baixada de galegofalantes.


Rosario Álvarez, unha das coordinadoras desta edición, sintetiza en dúas as principais conclusións destes Encontros: “A necesidade dunha maior colaboración entre entidades de diferente tipo (administracións, asociacións…) e que traballan en niveis locais ou autonómicos ou doutro tipo, así como un traballo coordinado por persoas coa formación específica”. Durante dous días, investigadores, expertos, técnicos e responsables puxeron de manifesto que, para romper as tendencias ou inercias que levan aparellada a perda de falantes, cómpre conectar accións desenvolvidas en todo tipo de ámbitos: no ensino, na familia e no lecer.

Medición e análise dos uso da lingua
A primeira sesión estaba pensada para dar a coñecer as cifras sobre o uso e coñecemento do idioma, a base para deseñar estratexias de normalización. As principais cifras púxoas Xaquín Loredo, do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, que traballou sobre os datos do IGE do ano 2013, que se divulgaron en 2014. “Case o 90% da mocidade galega coñece ben o idioma pero comeza a coller forza un perfil novo caracterizado por ter capacidade para escribir en galego pero non para falalo”, apuntou Loredo. Ademais, indicou que o castelán continúa a ser a lingua habitual para as e os máis novos e son cada vez máis os mozos e mozas que, procedendo dunha contorna galegofalante, falan castelán. Canda el, o responsable do Observatorio da Cultura Galega, Häkan Casares, avanzou as características dun inquérito sobre o comportamento lingüístico da mocidade galega que o CCG, xunto a outras entidades, está a preparar. “Trátase dun estudo que pretende achegar certa orixinalidade ás investigacións que xa existen sobre o ámbito, ao empregar unha metodoloxía de tipo psicolingüístico, isto é, coñecer as motivacións e os comportamentos lingüísticos”. Unha metodoloxía innovadora para o estudo do galego e que si se ten empregado noutras comunidades lingüísticas con características semellantes á galega, como é o caso de Cataluña.

Transmisión interxeracional
A cita prestou atención especial ao contexto familiar, á transmisión de pais a fillos, que desempeña un papel clave no uso dun idioma. O bengalí Anik Nandi, doutorando da Heriot-Watt University de Edimburgo, participou cun relatorio titulado “Resistencia desde abaixo. O papel das micropolíticas lingüísticas nas familias galegas”. Fixo un avance dos resultados da tese de doutoramento e puxo en entredito que falar nunha lingua sexa exclusivamente unha decisión de liberdade individual, xa que nela importan outros factores.
Paz Castro e Inacio Vilariño describiron os casos de Kalandraka e de Fantoches Baj na construción de materiais culturais pensados para os pequenos desde un ámbito privado, mentres que Beatriz Corral e Brais Fernández realizárono desde un punto de vista público. Pechou os Encontros unha mesa pensada para ver o papel que as relacións públicas e as campañas publicitarias podían facer polo galego.

Planificación lingüística de proximidade
Outro dos piares dos Encontros centrouse en coñecer experiencias e decisións relacionadas coa normalización e a planificación no ámbito local. Na sesión do primeiro día, Socorro García Conde explicou dúas propostas que desenvolve o Concello de Santiago, como son o proxecto Apego e o Club de Debate. Canda ela, Marta Souto explicou varias iniciativas que mantén o Concello de Vigo. O enfoque do papel das administracións locais ocupou o segundo día con representantes das Deputacións da Coruña e de Pontevedra. Xaime Subiela, no marco dun relatorio titulado “A promoción do galego desde o ámbito supramunicipal”, evidenciou o déficit de articulación das actuacións de ámbito local e a súa dependencia de cartos públicos.

O galego e as redes sociais
Como novidade, os Encontros estreaban tamén unha nova forma de traballar, trasladando o debate ás redes sociais. Para iso, creáronse catro grupos de traballo en Facebook que durante máis dun mes lles permitiron aos inscritos nos Encontros, e tamén ao público xeral, opinar e achegar materiais sobre diferentes aspectos vencellados con estes asuntos. Un debate que tamén se trasladou ao programa na penúltima sesión. Ademais, o Consello da Cultura Galega está a ultimar “De xeración en xeración”, un micrositio web no que dar a coñecer recursos e materiais recollidos polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia na súa actividade de traballo relacionados co tema destes encontros: a transmisión interxeracional.