O Consello da Cultura acolle os V Encontros de Normalización Lingüística

Un encontro normal

Os V Encontros de Normalización Lingüística que comezan hoxe no Consello da Cultura galega están a reunir en Compostela a máis de cento trinta persoas interesadas no desenvolvemento do proceso normalizador do noso idioma.
Nas xornadas, organizadas polo Arquivo de Planificación e Normalización Lingüística (APNL), presentaranse as liñas de traballo do Informe de Política Lingüística e Normalización en Galicia que está a realiza esta sección do Consello.


Cinco anos de normalización




A quinta edición dos encontros abriuse coa intervención do director xeral de Política Lingüística, Xesús P. González Moreiras, o dirctor da Escola Galega de Administración Pública, Domingo Bello Janeiro, o presidente do Consello da Cultura Galega, Carlos Casares, e o director o APNL, Henrique Monteagudo.
O encontro naceu coa intención de analizar as iniciativas que sobre a normalización lingüística se van realizando en diversos campos. Nesta edición aboradarase a acitvidade normalizadora realizada desde as institucións e administracións públicas, e cóntase coa participación de representantes da Xunta, das Deputacións Provinciais e de diferentes concellos para que expliquen as súas experiencias neste eido.













Intervencións



Logo da inauguración, a primeira xornada dos encontros estará a cargo de Henrique Monteagudo, que presentará o Informe sobre Planificación e Normalización Lingüística que se está a desenvolver no APNL e que analiza o grado de normalización acadado polo país e as políticas lingüísticas que se veñen aplicando no país.
O Informe, que se vén realizando desde 1998, será o traballo máis completo que sobre este eido se realice en Galicia. Na súa intervención, Monteagudo explicará as áreas de estudio nas que está estructurado, e nunha mesa de traballo que se realizará durante a tarde explicaranse as cuestións sobre os materiais didácticos, o ensino non regrado do galego e os recursos lexicográficos sobre a lingua recollidos no informe.
Tamén nesta primeira xornada, pero aínda de mañá, analizouse a política lingüística das administracións públicas explicouse o proceso de normalización desde unha perspectiva politolóxica.
Para a xornada de mañá están previstas intervencións sobre a política lingüística da Unión Europea, a experiencia sobre normalización nas catro deputacións e o plano de normalización do concello de Santiago de Compostela entre outros temas.





Informe sobre o informe

A intervención de Henrique Monteagudo falou do aspecto político que sobre planificación lingüística recolle o Informe. Así, a publicación recollerá as diferentes sentencias que se teñen pronunciado a favor do emprego do galego, así como a evolución dos orzamentos da Dirección Xeral de Política Lingüística desde 1993, que ascenden a uns tres mil millóns anuais. Destes tres mil millóns un dez por cento destínanse a financiar o Instituto Ramón Piñeiro.
Na súa intervención Monteagudo reclamou unha maior coordinación e planificación dos recursos públicos destinados á normalización. Tamén anunciou que a publicación do informe realizarase entre xaneiro e febreiro e distribuirase abertamente entre todos os interesados, e tamén se publicará aparte un resumo das conclusións ás que chegou o Arquivo de Normalización e Planificación Lingüística. Entre estas conclusións, segundo Monteagudo, está a solicitude da creación dun Consello Social da Lingua Galega no que estiven representados os distintos sectores interesados na normalización.
Na segunda intervención da mañá, Xan Bouzada aportou os datos sobre o emprego da lingua no ensino, que sinalan grandes diferencias entre centros públicos e centros privados. Segundo Bouzada, isto débese a que as clases medias que envían os seus fillos a escolas privadas posúen un menor capital cultural e manteñen prexuízos sobre a lingua.
A castelanización dos alumnos é superior na costa, cun 61% de alumnos que só falan castelán, que no interior, onde só o fai un 26%. Os datos sobre os profesores seméllanse ós dos alumnos ó producirse unha adaptación ó seu contorno, aínda que nos centros públicos o profesorado amosa unha maior preocupación polo cumprimento da Lei de Normalización Lingüística.
Bouzada analizou a importancia das dinámicas de grupo na implantación do idioma. Ademais, calificou a situación de Galicia como de etapa de transición onde, á vez que se perden falantes, prodúcese un fenómeno de recuperación da identidade.