A edición deste ano do festival do cómic da Coruña está marcada pola mudanza.

Viñetas desde o Atlántico 2002

A vella estación marítima xa non existe e a edición de 2002 do salón de banda deseñada coruñés utilizará espacios que lle son novos. Este ano o festival adícase integramente a autores e obras españolas.

As Viñetas non teñen casa, a súa, a estación marítima xa non existe; e Miguelanxo Prado e os seus tiveron que buscar un novo espacio. Decidiuse ó final facelo con tres locais:o Kiosko Alfonso, a sala de exposicións do Palacio de María Pita e a Casa de Salvador de Madariaga, coa idea de achegar unha temática diferente en cada espacio. Este ano as Viñetas céntranse no último cuarto do século XX da historieta nacional. Son os anos dos que saíron creadores como Jordi Bernet, Jan, Ramón Sabatés; publicacións como "TBO" que fixo do seu nome un xénero, "El Jueves" que cumpre 25 anos ou "Golfiño"; e ficcións como Carpanta, Torpedo ou o profesor Franz de Copenhaguen.



Espacios e historias


A sede central deste "experimento", como bautizou Miguelanxo Prado a este certame, é o Kiosko Alfonso (Xardíns de Méndez Núñez). A exposición de 500 viñetas da "Historieta de España, de 1977 a 2002" e 38 "Golfiños" para ter unha referencia do que deu de si esta publicación que hoxe segue na súa "segunda época" apostando pola BD galega. E a sede principal conta tamén con dúas retrospectivas dedicadas ós autores Jordi Benet e Juan López, "Jan".



De Jordi Benet exhíbese unha retrospectiva con algunhas das súas creacións míticas o seu "Torpedo 1936" ó que se incorporaría en 1982 e que lle valería o principal recoñecemento internacional; e a serie "Clara de noche" que crearía para a revista "El Jueves" con guión de Carlos Trillo e Enrique Macías dez anos despois do Torpedo. Un personaxe que se incorpora á galería de personaxes das "Viñetas". E de Jan teremos tamén outra retrospectiva, na que non faltará a súa personaxe máis coñecida "Superlópez" (que tamén se incorpora á galería de personaxes). Ademais, estas "Viñetas" deixaranos o orixinal dunha das súas últimas aventuras ("Súperlópez en el infierno").



A Casa da Cultura Salvador de Madariaga acolle o "Certame do Cómic e Ilustración Injuve 2001", no que este ano premiáronse traballos de Jano, Alberto Vázquez e Kiko da Silva. Destaca a exposición sobre os artificios cos que o Profesor Franz de Copenhaguen solucionaba os problemas domésticos. As 25 reproduccións físicas dos seus como o sofisticado invento para cortar as unllas dos pés ou o "locomóbil", un auto impulsado por medio dun fol, son unha lección de tecnoloxía ó servicio do home cos que Ramón Sabatés (Barcelona, 1915) estivo máis de cincuenta anos facendo sorrir. Unha homenaxe á vida ingrata deste historietista que murcha languidamente nunha habitación dun asilo barcelonés.



E na terceira recalada, a que nos leva á sala de exposicións do Palacio de María Pita, está a exposición que conmemora a historia recente da historieta española. Son os "25 anos de El Jueves" que comparten espacio con "Os tebeos en España de 1977 a 2002" que sirve para pechar a historia.




Autores, charlas e moito máis


As "Viñetas" déixanos algo máis que exposición , que esa oportunidade para ver orixinais e sacar os tebeos á rúa (que se venderán un 10% máis baratos), tamén é unha oportunidade para ver e escoitar ós autores e especialistas invitados. Roldas de prensa, presentacións e conferencias completan o programa de actividades. Está asegurada a presencia de Bernet e Jan, Miguel Beltrán (vencellado á historieta valenciana e creador de Marco Antonio); Antonio Martín (editor e crítico de cómics); Pasqual Ferry (debuxante nas editoriais americanas DC e Marvel), José Luis Martín (un dos fundadores de "El Jueves", para a que creou as series "Dios Mío" e "Jesucristo"); Antonio Martín (teórico e historiador, técnico editorial en Planeta); Jaime Martín (vencellado a "El Víbora" e un dos pioneiros das viñetas autobiográficas) e Antoni Guiral (guionista, crítico e técnico editorial e Norma, Planeta ou Edicións B).
Aínda que as "Viñetas" pecharán como tal o día 25 de agosto, as historietas, as personaxes e as exposicións permanecerán abertas ata o primeiro de setembro. Ata o 25 poderalas ver desde as 12 ás 14 e de 18 a 22, mentres que a segunda semana pechará ás 21 horas.

Cartel de Viñetas desde o Atlántico 2002

Cartel de Viñetas desde o Atlántico 2002

Obra de Das Pastoras