O V Live for Madness chega con novidades

Ourense acolle o festival de metal o vindeiro 19 de setembro

Co Campo da Feira como nova ubicación, a quinta edición do festival Live for Madness retorna a Ourense o vindeiro 19 de setembro. A nova xeira do encontro dedicado ao metal vén chea de novidades, a ampliar o número de bandas participantes ata seis. Childrain, Vermis Antecessor, Evil Impulse, Agónica, Wisdom e Raze foron as seleccionadas entre máis de 240 propostas. A continuar a colaboración que o evento mantén co seu homólogo Resurrection Fest, os elexidos repetirán na vindeira edición do festival de Viveiro.

Outras novidades deste 2015 son a posta a disposición do público dunha viaxe organizada ao festival, un sorteo especial e mais a edición dun CD promocional de libre descarga con temas das bandas participantes. Ademais, establécese un sistema de acceso para menores de 14 anos, que poderán asistir libremente en compañía dun adulto. Como é habitual, o Live for Madness mantén a súa colaboración co banco de alimentos de Ourense que recibirá parte da recadación das entradas.