Aki Kaurismäki participará no vindeiro Curtocircuíto

Pela del Álamo confirmouse como director da nova edición do festival

O cineasta finlandés Aki Kaurismäki participará no vindeiro festival Curtocircuíto como programador convidado. Segundo anunciaron onte os responsables do evento que se celebrará en Compostela entre o 6 e o 11 de outubro, o director protagonizará o ciclo Rock & Shorts no que se recuperarán os filmes musicais que Kaurismäki realizou sobre a banda Leningrad Cowboys. Ademais, a sesión Signed by Aki K. amosará tres filmes seleccionados por el. The Fatal Glass of Beer de Clyde Bruckman, Let There Be Light de John Huston e Seul l’avenir nous le dira de Chilles Charmant poderán verse nesta sección. O director tamén protagonizará encontros co público na que será a décimo segunda edición do festival.

Precisamente, a pasada semana o Concello de Santiago daba a coñecer a renovación de Pela del Álamo como director do festival. Logo de gañar o concurso público convocado para o posto, Del Álamo mantense á fronte do evento por terceiro ano consecutivo. Segundo explican no web, a dirección "considera que este é o primeiro ano no que o proxecto ten a dimensión e a liña que se lle pretende dar ao festival no futuro".