Cultura marítima expandida

O encontro bienal de embarcacións amosa a boa saúde do movemento a prol do patrimonio do mar

O encontro bienal de embarcacións amosa a boa saúde do movemento a prol do patrimonio do mar
Escola Obradoiro Mar de Vigo. Probando Foque e Trinqueta. FGCMF
A participación medra, cada vez hai máis embarcacións recuperadas e a presenza do patrimonio marítimo na axenda cultural é maior. En paralelo, o traballo a prol da nosa cultura do mar está a se expandir e alcanza novos ámbitos de investigación e divulgación. No entanto, este vizoso aínda que minoritario movemento social enfróntase desde hai anos ás mesmas pexas.

A celebración o pasado mes de xullo do XII Encontro Galego de Embarcacións Tradicionais puxo de actualidade este verán o traballo dos colectivos que traballan a prol da nosa cultura marítima. Este encontro bienal é un referente fundamental que permite contemplar a situación deste movemento ao tempo que propicia contactos tanto internos como con colectivos e iniciativas foráneas. Segundo apunta Manuel García Sendón, presidente Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF), a cita "foi ben. O encontro xa ten un formato consolidado e inclúe actividades en terra e no mar". A práctica totalidade das 46 asociacións que fan parte da Federación participaron nun evento que edición continuou a tendencia ao crecemento que se viña observando nas anteriores.

Internacional
Canda a elas, embarcacións privadas ou representacións de colectivos de Euskadi e de Cataluña, irlandeses, escoceses, ou mesmo unha embarcación croata. A estas delegacións hai que sumar aínda unha nutrida presenza de asociacións de Portugal "moitas das cales fan parte da nosa Federación", segundo explica García Sendón. En total, unhas 130 embarcacións puxeron de relevo a capacidade de convocatoria do encontro "Hai que pensar que cada unha desas embarcacións precisas a varias persoas para a tripular, realizar o transporte, e iso implica a moitos centos de persoas", lembra o presidente. O Encontro aparece cada vez máis cunha maior repercusión no mundo da navegación tradicional fóra das nosas fronteiras. "Vai medrando a presenza na prensa internacional, e este encontro está a se converter cada vez máis nun encontro europeo. Nese sentido a Federación fai moito traballo porque enviamos delegacións fóra de Galicia, recibimos outras e estamos integrados na rede European Maritime Heritage".

A minoría persistente
Como non pode ser doutro xeito, as cifras e o resultado do evento responde a un interese polo mundo do patrimonio marítimo e fluvial que non deixa de medrar no seo da nosa sociedade. "É certo que seguimos a ser unha minoría, pero xa non tanto como noutros tempos", recoñece o presidente. "As nosas asociacións poden ter polo xeral uns vinte membros, pero hai algunhas que chegan aos 800 socios", sinala. Ao traballo que se desenvolve no seo desta entidade súmanse outras afíns como a Asociación de Carpintarías de Ribeira (Agalcari) e o de diferentes particulares e colectivos que, sen ter neste o seu eixe fundamental de traballo, si que abordan a cuestión cultura marítima. "É certo que, a sumar todo, o grupo que pula en Galicia pola preservación deste patrimonio é moi forte. Non hai unha concentración de embarcacións como esta nin por asomo en toda a península, nin unha federación como esta".

Os vellos problemas
Fronte a esta potencia, non faltan tampouco problemas, en concreto, o do estatus legal das embarcacións tradicionais que se arrastra desde o comezo da recuperación desde patrimonio, nos primeiros anos 90. "Estamos a ver se a través da nova Lei de Patrimonio se amañan as cousas. A cuestión é que Portos de Galicia garante un desconto para amarrar estas embarcacións nas instalacións portuarias, e iso é fundamental, permitiríanos crear auténticos museos vivos nos portos. Pero para que se poida facer iso, cómpre que se cree un certificado que amose que unha embarcación se pode considerar tradicional. E iso depende de Cultura", explica García Sendón. Canda a isto, reclama a necesidade dun apoio da Administración ao traballo que na actualidade desenvolve a sociedade civil. "Unha cousa é que se apoien as actividades das diferentes asociacións e outra é que se impulse realmente este traballo. En Brest (cidade bretoa que acolle o maior encontro mundial de embarcacións tradicionais) teñen un organismo a traballar durante catro anos para cada edición e o concello está implicado a tope, e con is conseguen ter unha repercusión internacional. Aquí falta aínda que algunha cidade se decida a homenaxear este patrimonio. Precisamos dar ese salto".

A cuestión dos grandes barcos
A falta de apoios, tanto públicos como privados, revélanse especialmente nas dificultades para recuperar embarcacións de grande tamaño. "Os barcos de certo porte teñen problemas para atopar amarres axeitados, para se manter e para lles dar un uso que permita sostelos. Como exemplo temos o vapor Hidria II, que na actualidade está a funcionar como albergue, ou o Joaquín Vieta, que desenvolve actividades na ría de Arousa pero que tivo tamén moitos problemas para amarrar. Proxectos como estes superan as capacidades das asociacións e esixen contar con proxectos de explotación económica para garantir o seu financiamento", lembra o presidente. "Para isto, ou as administracións se implican ou dependeremos de que haxa xente con cartos que aposten por se facer cun veleiro tradicional no canto de cun iate de fibra de vidro, como xa acontece en Francia, por exemplo".

Patrimonio expandido
Para alén do crecemento en número de colectivos, este mundo está a comprobar tamén unha expansión en canto ao enfoque de traballo. Se ben a recuperación de embarcacións continúa a ser un eixe fundamental, a cultura marítima está a abranguer cada vez máis campos, e reivindica desde os propios estaleiros tradicionais como patrimonio ata o coñecemento histórico arredor da navegación. "As embarcacións son o elemento máis salientable e común a todas as asociacións, pero logo hai outro traballo máis lento que precisa de especialistas. Hai grupos que se dedican fundamentalmente ao estudio do patrimonio". O grupo Mascato, Francisco Fernández Rei, Dionisio Pereira "que é o auténtico teórico da Federación" ou Bernardo Máiz son algúns dos nomes que, desde dentro do colectivo ou en proxectos afíns, aborda aspectos máis teóricos destes bens. "Estamos sempre ao tanto do que se está a facer e do que se publicar arredor destes temas", recoñece García Sendón. A outros niveis, non faltan tampouco propostas alternativas para se achegar ao mundo mariñeiro máis tradicionais. "Hai asociacións que desenvolven outras actividades. Algunhas, como a de Noia, xestiona un museo dedicado ao mar. Outras dan cursos e teñen escolas de navegación, como as de Bouzas, en Vigo, ou a da Illa de Arousa. Outros fan obradoiros para ensinar como se constrúen pequenas embarcacións ou como se reforman e se fan pequenos arranxos. E logo tamén hai exposicións e charlas, practicamente hai actividades cada semana".

Técnica e historia
A atención a novos ámbitos da cultura mariñeira estivo tamén presente no encontro de Cabo de Cruz. "Sempre desenvolvemos unha forte actividades en porto que inclúe exposicións, obradoiros, concertos, música, proxeccións audiovisuais", canda a xogos tradicionais ou artesanía, segundo lembra o presidente da FGCMF. "Temos tamén unhas xornadas técnicas nas que se aborda desde o saber na construción de embarcacións ou o estado da industria naval". Coordinadas nesta ocasión pola Asociación de Carpintarías de Ribeira, o encontro tratou desta volta cuestións como os castros marítimos, a navegación dos vikingos, a pegada prehistórica da navegación en Galicia ou os procesos de documentación para recuperar novas embarcacións. "En xeral tentamos vincular o traballo da preservación destes bens con outras facetas do patrimonio". Os retos máis inmediatos dos colectivos de cultura marítima apuntan de novo á expansión. "Estamos en contacto permanente cos Grupos de Acción Costeira, a tentar que incorporen a preservación deste patrimonio. Neste ano reinician o seu labor e, hai varios que xa o recoñecen como parte dos seus obxectivos. Deste xeito, agardo que se desenvolvan propostas como museos, recuperación de inmobles, estudos, catálogos e outras iniciativas". Canda a isto, a elaboración dun dicionario multilingüe de termos mariñeiros en inglés, catalán, castelán, vasco e galego son as propostas máis inmediatas.

Lembranza a Luís Rei
Canda ao encontro de Cabo de Cruz, a cultura marítima estivo tamén de actualidade este verán polo falecemento de Luís Rei. Este activista foi un dos pioneiros do movemento de recuperación deste legado e coordinaba desde Cambados a revista Ardentía. "Era unha das almas da Federación, fundamental na concepción e nos obxectivos da mesma. Tiña a idea do patrimonio marítimo como parte da cultura galega, e vía claro que o traballo non se podía reducir a unha actividade festiva como pode ser unha regata. Reivindicou a importancia do estudo, promoveu o encontro de embarcacións e o que el coordinou en Cambados foi un salto cualitativo na organización deste evento. É unha perda enorme para o colectivo, sempre foi competente e xeneroso e ímolo botar moitísimo de menos", lembra García Sendón. Continuar o seu labor é tamén outro reto para este colectivo.