Viñetas en feminino e plural

As actividades paralelas toman o Salón do Cómic da Coruña na súa XVIII edición

As actividades paralelas toman o Salón do Cómic da Coruña na súa XVIII edición
Con mudanza no goberno municipal, localizacións novas e algún recorte, Viñetas desde o Atlántico comezaba onte a súa edición número dezaoito. O Festival de Cómic da Coruña amosa de novo a súa posición de referente no campo da BD galega e estatal e consolida a súa tendencia multifocal. As propostas de afeccionados, galerías, editoras ou librarías teñen cada vez máis peso e atopan o seu oco arredor do eixe da programación oficial, que amosa desta volta a puxanza das mulleres na Novena Arte.

O Viñetas 18 arrinca cunha especial atención ás mulleres no mundo da banda deseñada e un importante número de autoras entre os nomes convidados. Chloé Cruchaudet, única autora de fóra do Estado, súmase a Ana Oncina, Mai Egurza, Ana Miralles (que xa visitara a Coruña anteriormente) e Moderna de Pueblo para facer o cartel máis feminino da historia do encontro. Canda a elas, os históricos Keko e Joaquín López Cruces comparten cartel con Alfonso Zapico e Martín Romero, que ocupa este ano o espazo dedicado a autores galegos. "Aínda que esta presenza de mulleres debuxantes é o máis destacado, trátase dunha cuestión case casual", explica Carlos Portela, subdirector do Salón. "Como cada ano, na organización tentamos facer unha fotografía do que se publica en España, e aínda que todos os anos hai presenza feminina, si é certo que nos últimos vense máis autoras na historieta española e, polo tanto en Viñetas". Así pois, lonxe de pensar nunha edición orientada a estas creadoras, o evento recolle unha tendencia crecente tanto a nivel internacional como na propia banda deseñada galega. "Está a se romper o mito de que son só homes os que fan e consumen historieta. Isto é bo para todo o mundo porque amplía moito o horizonte temático e artístico. Os traballos de Ana Oncina e de Moderna de Pueblo (un grupo de creativos encabezado por Raquel Córcoles) son uns éxitos de vendas absolutos a nivel estatal".

Convidados a Viñetas desde o Atlántico 2015

Exposicións
Coma sempre, as exposicións marcan o eixe dun evento que pode presumir de ser o referente estatal á hora de amosar o traballo dos autores de banda deseñada. Os convidados protagonizan cadansúa mostra, ademais de dar conferencias e participar nas sesións de sinaturas. A estas súmanse a exhibición colectiva dedicada ao panorama da BD galega e mais a que protagoniza Jacobo Fernández no Centro Ágora. Fóra das actividades propias de Viñetas, diferentes entidades achegan tamén as súas propias propostas expositivas. Destaca a galería Monty4, que presenta A metaviñeta. Traballos orixinais de Manel Cráneo, David Rubín, Alberto Guitián e Alberto Vázquez nos que estes autores reflexionan sobre a relación entre BD e arte contemporánea. Ademais destas obras, o proxecto, comisariado por Noelia Martínez amosa tamén algunhas das últimas páxinas destes creadores. O Bar La Maleta, pola súa banda, acolle Ad Mortem. Sangre, sudor y tinta, con traballos orixinais de Luís Sendón, mentres o colectivo Miñoco toma o Café Macondo para amosar Viñetaxe.

Exposicións de Viñetas desde o Atlántico 2015

A metaviñeta en Monty4

Ad Mortem, de Luís Sendón

Viñetaxe, de Minhoco

Ubicacións
Unha das novidades máis rechamantes que atoparán os visitantes á XVIII edición de Viñetas desde o Atlántico será a propia localización do evento. A manter o seu centro no Kiosko Afonso da Coruña, a desaparición da zona do Encontro de Casas Rexionais permitiu concentrar as casetas da chamada Rúa da BD. Deste xeito, os postos de libreiros, editores e outras entidades están desta volta pegadas á entrada do recinto expositivo e non teñen que competir con outras propostas. Segundo sinala o editor e organizador Manel Cráneo, "das catro ubicacións que houbo, esta é a mellor, indubidablemente, e as expectativas para os participante son moi boas. Estamos xusto á entrada do Kiosko, é unha zona moi visible, hai máis espazo, e a xente pode pasear mellor", sinala. Portela, no entanto, advirte que "hai opinións para todos os gustos. Hai quen pensa que a ubicación é boa, pero tamén o ano pasado a xente estaba algo desorientada polo cambio de lugar e ao final funcionou moi ben. Hai que ver o resultado final para valorar".

Paralelismos
Canda se pode ver, canada ás iniciativas integradas no propio programa do evento, proliferan as propostas paralelas. Nese sentido, Portela destaca o incremento que nos últimos se está a dar nas actividades que desenvolven actividades alleas á organización do evento, e que completan un programa cada vez máis integrado. "Está o Autobán, a exposición de Subterfuge na Fundación Seoane, a de Jacobo Fernández, Metaviñetas… cada vez hai máis cousas, e parécenos fenomenal. Viñetas quere ser unha plataforma para moitras outras iniciativas, e canto máis se expanda mellor. Como afeccionado, encántame poder botar o día de actividade en actividade". Dentro desta expansión, o subdirector do festival destaca nesta xeira "a cantidade de autores que están a traer as editoriais para a feira". Sesións de sinaturas de autores como David Rubín, Javier Olivares, José Domingo, El Hematocrítico, Víctor Rivas ou Kiko da Silva, entre outros, desenvolveranse como parte do programa non oficial en diferentes postos da Rúa da BD. Na mesma liña, Manel Cráneo apunta que "este ano faise desde organización un maior énfase nas presentacións extraoficiais, e inclúense no programa todas estas actividades. Antes as iniciativas que se facían na carpa da rúa da BD quedaban moi desmarcadas. Este era un esforzo de integración moi necesario". Outras mostra da interconexión crecente entre o festival "oficial" e as propostas alternativas pode verse na presenza de Martín Romero. O convidado oficial é tamén un dos participantes no Autobán, a feira dedicada á autoedición onde achega dúas das súas publicacións máis recentes, La confusión del señor Mustachi e mais Dibujos de cine.

A Rúa da BD no web de Viñetas

Autobán
E é que o Autobán consolídase nesta súa segunda edición como un referente xa fundamental para os asistentes a Viñetas e mais para o panorama de autoeditores de banda deseñada e de ilustración. A feira de fanzines acada este ano a participación de case cincuenta iniciativas de todo o país, o que a sitúa como un espazo ineludible neste ámbito. Segundo recoñece Bernal Prieto, un dos coordinadores da cita, "este ano houbo case o dobre de propostas para participar na feira. Vemos moito interese e vén xente doutros lugares do Estado". Malia á transgresión de xéneros que caracterizan moitas destas apostas gráficas, Prieto advirte que "preto dun 80% dos proxectos seleccionados son de banda deseñada, e aínda que hai xente de fóra, a maior parte son galegos, hai moitísimas propostas nesta liña". A partir da selección advirte que se detectan determinadas tendencias nos proxectos galegos. "Desde hai uns anos vese unha certa diferenza entre as propostas do norte e do sur do país. Na zona de Pontevedra e Vigo vense moitos proxectos de autoedición cunha estética e unhas temáticas comúns, quizais vencelladas ao Liceo Mutante de Pontevedra e cunha perspectiva algo punk. As iniciativas do norte semella que son máis variadas". Canda ao mercado de fanzines que compón o groso do programa, o Autobán inclúe tamén presentacións, actuacións, mesas redondas, venda de orixinais ou o xa habitual Combate de Debuxantes.

Web de Autobán

Novidades editoriais
Como resultado do crecemento da feira, a maior parte novidades editoriais do país que se presentan estes días na Coruña pasan polo Autobán. Así, na listaxe de participantes atopamos o número 2 de Compota de Manatí da man do colectivo Minhoco. A editora viguesa Fosfatina achega as súas novidades El matatenias de Pepa Prieto Puy e Oriol Segarra, e 1997 Hot Summer de Jose Jajaja no marco da colección FOSFATINA 2000, ás que se suma o volume El Jardín Devastado / Los Incapaces de Julia Huete e Óscar Raña. Tamén amosa a súa vontade de continuar a aposta pola edición a libraría ourensá Sindicato del Cómic, que achega a esta cita Pictodiario 2, segunda entrega das reflexións cotiás de Urbanoscar, que publicara en 2010 o primeiro volume da man de Polaqia.

Dentro das presentacións destaca a de Linterna Mágica, que se define como un "selo de cómic con sede na Coruña" desenvolvido por Dainela Arias e Pablo Silva. O proxecto pretende "descubrir historias curiosas, descoñecidas ou esquecidas para as tirar á luz, e conseguir que a xente goce con elas tanto como nós". Obras perdidas ou inéditas de escritores famosos adaptadas á BD serán o obxectivo desta iniciativa. Pola súa banda, Ismael ópez achégase ao encontro a presentar os seus proxectos Young Saviors e Profesor Oxford. A terceira entrega do fanzine Altar Mutante, o xa anunciado Cuimnhe. La deuda de Kike Benlloch e Pedro Villarejo, o Cruel y estúpido de Roberto M. Soler ou os novos traballos do colectivo coruñés A Figa, Paula Esteban, Cristian F. Caruncho, Leandro Barea, Roque Romero, o dúo Los Bravú ou Jano participan tamén nunha cita que amosa a efervescencia creativa que se vive arredor da BD no noso país.

Fóra do Autobán, outras novidades da edición galega de BD están presentes no encontro. Así, da man da escola de BD O Garaxe Hermético chega 221 BD, catro historias baseadas nas aventuras de Sherlock Holmes creadas polos alumnos deste centro pontevedrés. Trátase dun total de 96 páxinas que 40 autores que completaron en só dous meses de traballo colectivo, o que supón toda unha marca no noso país. Canda a eles, Demo Editorial presenta Os que levan o lume de Álvaro López e adianta as novidades da súa colección de ciencia ficción HäinöS. Ademais, estarán presentes no evento lanzamentos recentes das nosa BD como o Abastos de 3pintamonas, El infierno del dibujante, que Kiko da Silva publicou en Dibbuks, o número catro da colección Castelao de Demo, Atila e mais un novo número da publicación dixital de humor O botafumeiro.

Mudanzas municipais e actividades
A edición de Viñetas chega logo do recente cambio no goberno municipal da Cidade Herculina, organizador oficial do Salón. Segundo recoñece Carlos Portela, subdirector do evento, "evidentemente a mudanza inflúe, aínda que esta edición xa estaba organizada desde o anterior. No entanto, sempre afecta cando hai eleccións por algunhas cuestións orzamentarias". Desde a organización de actividades do Salón, Manel Cráneo si detectou unha pegada nesa transición. "A situación na que ficaron as arcas do Concello afectounos. Hai dous anos foron 64 obradoiros a coincidir con Viñetas, o pasado 54 e este quedamos só con 24, e temos igual douscentos e pico nenos e nenas, vinte grupos que atender", explica. As propostas que el coordina, que se desenvolven fundamentalmente nos centros Fórum e Ágora, contan con iniciativas do máis orixinal arredor dos cadriños. "A figura central será Jacobo Fernández e a súa serie Marcopola, que é do máis destacado que se está a facer a nivel estatal para lectores infantís", lembra Cráneo. Unha exposición, coa que interactuarán os participantes e obradoiros de creación de banda deseñada a cargo do propio Fernández conforman parte destas propostas. Canda a el, Alberto Guitián, a traballar a creación de tiras cómicas humorísticas, José Domingo, que abordará a cor na banda deseñada, Juan Juste, que amosará como contar historias con debuxos mediante a técnica escénica xaponesa do kamishibai ou a creación de personaxes a cargo de Alberto Díaz son outras das iniciativas previstas. A estas súmanse outras "todas elas deseñadas exclusivamente para o festival", advirte Cráneo, como o deseño de traxes para personaxes ou a elaboración colectiva dun macrocadriño na que os máis novos se poderán tirar fotos disfrazados. A todas estas súmanse aínda as propostas que fan parte do programa das bibliotecas municipais, con obradoiros de Manga, animación ou creación de personaxes e a exposición Mulleres coraxe no cómic.

Actividades das Bibliotecas Municipais arredor de Viñetas

Transición
De cara ao futuro, segundo recoñece Portela, o contacto con novo goberno municipal "é positivo, aínda que na organización nunca tivemos problemas co Concello". Na presentación desta xeira, o alcalde entrante, Xulio Ferreiro, sinalou a intención do seu equipo de "revitalizar o festival para que poida ser un referente da cidade, das festas e do cómic a nivel estatal", mentres o reponsable de Cultura, José Manuel Sande, recoñeceu o seu interese en que "se fale de cómic durante toda a tempada, non só en agosto" e apuntou mesmo a posibilidade de que a Cidade Herculina chegue a contar un espazo permanente dedicado á novena arte. De calquera xeito, segundo recoñece o subdirector do evento, que haberá que agardar ao vindeiro ano para ver como se concreta o apoio do Concello ao Salón. O que semella claro é que, cada vez máis, a forza do Viñetas transcende con moito o ámbito puramente municipal.

Presentación de Viñetas no web do Concello da Coruña