Un percorrido pola historia da relación de Galicia co mar. Esta é a proposta que realiza a nova exposición permanente que o Museo do Mar de Galicia inauguraba onte na súa sede de Vigo. O proxecto reúne por vez primeira máis de setecentas pezas que inclúen as ferramentas humanas máis antigas de Galicia, un conxunto de espadas da Idade do Bronce atopadas no RÃo Ulla, un enterramento romano completo, o Ungüentario Bizantino de Vigo, canóns ou xoias do S. XIX. Segundo explica a presentación da mostra, Galicia Mare Nostrum propón "unha viaxe pola historia da costa galega dende a prehistoria ata a idade contemporánea, tanto por terra coma por mar; viaxaremos por xacementos costeiros a través dos materiais neles atopados, coñeceremos as relacións que tivemos con outras culturas grazas as fermosas pezas que nos deixaron, mergullarémonos no fondo do mar para coñecer algúns dos pecios afundidos nas nosas costas e os seus tesouros". A exposición poderá visitarse de balde ata o vindeiro 19 de xullo, mentres para acceder a outras partes do centro mantéñense as tarifas habituais.