A Universidade de Vigo acolle un curso de Traducción de BD inglés-español.

Como traducir viñetas

O Departamento de Traducción, Lingüística e Teoría da Literatura da Universidade de Vigo promove un curso de Traducción de Banda Deseñada inglés-español.

A Universidade de Vigo acolle un curso de Traducción de Banda Deseñada inglés-español entre os días 28 e 30 de outubro. Diríxeno as doutoras Ana Mª Pereira Rodríguez e Lourdes Lorenzo García, profesoras do Departamento de Traducción, Lingüística e Teoría da Literatura.



Cando se realiza unha versión dun cómic nunha lingua distinta da orixinal, a narración gráfica impón unha serie de restriccións específicas, propias do medio. Neste curso preténdese expor estas especificidades e estudiar como solventalas.



O contexto é, explica Ana Pereira, "complementar o plan de estudios que se lle imparte ós alumnos nas clases habituais. Insértase no que chamamos ciclos de traducción subordinada inglés-español-galego: O primeiro ano estudiamos a problemática da dobraxe audiovisual, o segundo a subtitulaxe de filmes, o terceiro a adaptación de publicidade, e este ano 2002 é a primeira vez que nos adicamos a estudiar como traducir comics".



Ábrese o curso cun convidado de excepción, Miguelanxo Prado, que explica ós alumnos, desde a súa perspectiva de autor, como se desenvolve o proceso de creación e elaboración dun cómic desde cero.



Os expertos

O marco teórico e conceptual toma o relevo: nunha sesión de mañá e outra de tarde, Ignacio Villena, da Universidade de Málaga, expón cales son as características diferenciais da traducción de banda deseñada. Villena, doutor en traducción, escribiu a única tese sobre traducción de cómics que se ten feito ata agora en España.



O segundo día éntrase no ámbito industrial da temática: Celia Filipetto aborda a exposición do panorama editorial. Filipetto é unha das máis experimentadas traductoras de BD en España, e ata hai dous anos foi a encargada de traducir de inglés para español series tan coñecidas como 'Spiderman'.



O aspecto máis práctico ocupa a parte final do proxecto, cando os alumnos participan nun taller levando a cabo a traducción dun comic-book completo de 22 páxinas (un estándar industrial norteamericano en formato de revistiña grampada).


A concurrencia

A resposta á iniciativa é boa, xa que a práctica totalidade das cen prazas ofertadas foron cubertas. As directoras perceben que a xente que se matricula o fai por verdadeiro interese na materia, e non tanto polo crédito universitario que computa o cursiño en termos de valoración académica.



O perfil da audiencia que participa nestes encontros é fundamentalmente de alumnos da propia carreira de Traducción, aínda que tamén acoden estudiantes de Filoloxía e mesmo -como Ana Pereira apunta con humor- "se apuntan algúns tolos do cómic".



O prezo do curso é 120€ e ten unha duración total de 20h.