Olladas desde o interior da música

Analizamos da man de tres nomes fundamentais o panorama do jazz no noso país

Analizamos da man de tres nomes fundamentais o panorama do jazz no noso país
Paco Charlín, Abe Rábade e Nani García.
Os matices do bo momento polo que pasa o jazz son moitos. Desde o público minoritario ata a relativa precariedade das estruturas que están a dar no florecemento deste estilo, ollamos o panorama desde o interior. Nani García, Paco Charlín e Abe Rábade amósannos as fortalezas e os problemas dunha escena puxante e complexa.

Abe Rábade: "Nunca houbo músicos mellor formados nin tanto potencial nos rapaces máis novos que están comezando"



Nani García: "Non sei se o tema dos recoñecementos é real ou remata sendo unha lenda urbana"



Rábade, formado no Berklee College of Music de Boston, profesor no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra e recoñecido músico, amosa unha visión "en xeral positiva: nunca houbo músicos mellor formados nin tanto potencial nos rapaces máis novos que están comezando. Por outra banda hai un bo número de festivais e algunhas programacións regulares que crean público para este xénero. Vivimos no país galego, onde o aprecio polo propio non é moi común, pero sinto que cada vez hai unha maior conciencia de que o país é competente nesta materia".

Nani García , director do ImaxinaSons de Vigo, histórico do xénero desde a súa participación nos pioneiros Clunia e responsable da discográfica Xingra, é unha voz imprescindible á hora de falar do panorama desta música. Desde a súa perspectiva, matiza a perspectiva dun jazz galego con grandes éxitos internacionais. "Non sei se o tema dos recoñecementos é real ou remata sendo unha lenda urbana. O certo é que na última convocatoria de JazzÑ non hai ningún representante galego se exceptuamos a participación de Lucía Martínez con Agustí Fernández", explica. No entanto sinala que "ao que un país debe de tender é, baixo o meu punto e vista, a normalizar a súa vida artística, porque é ben certo que empezan a abondar os músicos de jazz galegos que sobreviven e habitan outros lugares do mundo e, claro está, iso está moi ben, pero ao que sen dúbida debemos aspirar é a que eses músicos florezan e pervivan dende aquí. Iso son palabras maiores".

Paco Charlín, outro nome histórico cun amplo recoñecemento internacional, é na actualidade o responsable de Free Code Jazz Records, selo que acaba de chegar ás súas cen referencias en catálogo. Desde a súa perspectiva "hai unha escena clara, con xente que leva tempo e xente nova, que pasou polo Seminario Permanente ou polas novas escolas. E tanto entre uns como entre os outros hai músicos a traballar a nivel estatal e internacional".


Olladas desde fóra

Abe Rábade: "O meu querido Cifu, tristemente falecido hai uns meses adoitaba dicir que no estado español había catro canteiras: Catalunya, Madrid, Valencia e Galiza"



Precisamente, unha cuestión que se presenta ao falarmos sobre esta escena é ata que punto o recoñecemento do jazz galego chega desde o exterior. Como xa comentamos, o xénero mantense grazas a unha afección incondicional pero reducida no noso país. A falar deste recoñecemento foráneo, Rábade ten claro que " O meu querido Cifu (Juan Claudio Cifuentes, destacado crítico musical), tristemente falecido hai uns meses adoitaba dicir que no estado español había catro canteiras: Catalunya, Madrid, Valencia e Galiza. Sempre me sentín moi fachendoso de que el o considerara dese xeito. Eu creo que temos que ser conscientes de que a escena é mellorable ao tempo que sentimos esa satisfacción de que o traballo feito polo colectivo jazzístico nos últimos tempos consolida esta terra como un dos sitios máis atractivos do estado para o jazz".

Nani García apunta que, en comparanza con outros lugares, "ao meu entender e se aos números nos referimos, creo que saímos ben airosos desta comparanza. Somos ben puxantes tendo en conta o noso tamaño de país". Coincide Charlín ao sinalar que "en xeral o noso jazz está ben considerado tanto na Península como en Europa".

Evolución e fortalezas

Paco Charlín "Xa non se ve a música como un hobby, percíbese como un traballo, e iso anima a se formar máis"



Abe Rábade: "Cada vez é máis habitual que bandas formadas por músicos galegos e portugueses estean de concerto en Galiza ou en Portugal"



En canto ao xeito no que mudaron as perspectivas, os tres artistas e dinamizadores coinciden en sinalar a mellora que se deu en xeral no xénero, cando menos na última década. "Detéctase un estirón a grande escala", asegura Charlín. "Xa hai dez anos había xente a traballar e a loitar polo jazz, pero hoxe hai máis vertentes musicais e intérpretes que abordan diferentes estilos". Como principais puntos fortes da escena que puideron favorecer esta evolución positiva do xénero, Charlín destaca "o ensino. Isto fai parte dunha mudanza de percepción que fai que xa non se vexa a música como un hobby, como algo que fas para tocar cos amigos. Percíbese como un traballo, e esta percepción leva a se formar, a sacar títulos. Hai quen vai fóra, a Nova York ou a Holanda, pero agora tamén poden estudar aquí". Así, como grande diferenza apunta "unha maior profesionalización" dos músicos.

De xeito semellante, García coincide en apuntar que "na última década notouse o acceso á educación dos músicos neste país. Este proceso empezouse con antelación pero os froitos empezaron a verse xusto nos últimos dez anos. Son moitos máis os músicos e irrompen no panorama mellor preparados. Tamén é certo que isto é común a todos os estados. Xa sei que alguén dirá que me repito, pero este país sempre foi musical no seu corazón, de vocación, pero desafortunadamente nunca tivemos as mesmas oportunidades no tempo de achegarnos á formación precisa. Así que non sei por que seguimos empeñados en progresar de forma ruda cando a historia nos ten amosado por activa e por pasiva que non hai outro xeito de progresar que non sexa a través do coñecemento. E o jazz ten, sen dubida, a súa pequena parcela nese eido".

Rábade, pola súa banda, resume os nosos principais puntos fortes en "o elevado número de jazzistas cun bo nivel en comparación con outros lugares do estado". Ademais sinala como novidade que "axudou moito nos últimos tempos a conexión con Portugal. É moi interesante ese intercambio. Cada vez é máis habitual que bandas formadas por músicos galegos e portugueses estean de concerto en Galiza ou en Portugal. Eu diría que é o cambio máis salientable dos últimos anos, o cal é natural pola proximidade das escenas, pero que non se tiña dado aínda da maneira tan clara na que se está dando agora. Creo que centros educativos como a Esmae do Porto ou o Seminario Permanente de Pontevedra axudaron moito a consolidar esta tendencia".

Eivas

Nani García: "Adoecemos de estruturas de xestión que defendan e posicionen o noso produto de forma metódica fóra das nosas fronteiras (…) O tema dos festivais é un pouco un espellismo"



Abe Rábade: "Abondan as programacións dedicadas ao xénero en Galiza pero non se teñen en conta as bandas e solistas galegos como se debera"



Pacho Charlín: "Cumprirían máis músicos propios nos nosos festivais"



Á hora de falar das eivas das que pode adoecer o noso jazz, Nani García apunta que "temos un bo nivel pero adoecemos de estruturas de xestión que defendan e posicionen o noso produto de forma metódica fóra das nosas fronteiras". Canda a isto, considera que "temos outro problema a hora de crear produtos: Non somos capaces de xerar un público consumidor estable, que é algo definitivo a hora de consolidar un produto (perdón por chamar á música de forma tan espuria) estable. E difícil de imaxinar exportar algo que en principio non estea testado domesticamente. E se de algo estou seguro é que non todo o problema se debe a calidade do produto, aínda que as veces teñamos certa tendencia a ser condescendentes con nos mesmos". Canda a isto denuncia que "a maioría das conquistas son debido ao esforzo e mérito persoal dalgunha xente en particular. Neste eido estou completamente seguro de que a administración está moi por debaixo do nivel xeral de competitividade que amosa o sector, non está á altura. Tamén é certo que canto mais nos afastamos no tempo peor estabamos".

Por outra banda, para este músico "o tema dos festivais é un pouco un espellismo, se se pode dicir así. Hai sen dúbida que quitar o chapeu diante das iniciativas que está habendo pero creo que se precisan máis e mellores. Ou ao menos máis precisas. Hai unha cousa demostrada e que é común a todas as músicas: Precisan seren programadas de forma organizada con ciclos ou festivais para que calen no público. Porque fóra dos estilos de música que xeran de forma natural as novas xeracións a través das modas, o certo é que o resto das músicas precisan de certo coñecemento ou provocación intelectual para propiciar a súa aceptación de forma máis abundante. Aínda que de todos os xeitos o jazz nunca vai ser multitudinario".

Coincide en boa medida Rábade nesta perspectiva, a apuntar "a falta dun circuíto estable que conte precisamente cos músicos do país. Abondan as programacións dedicadas ao xénero en Galiza pero non se teñen en conta as bandas e solistas galegos como se debera. Por outro lado, e isto é común co resto de manifestacións artísticas, vivimos nun lugar que non ten políticas culturais públicas, e as que ten falan por si mesmas: 300.000€ de subvención a Enrique Iglesias e outro tipo de aberracións semellantes. Para Charlín "noutros lugares tiran máis polos seus propios músicos mentres que en Galicia cumprirían máis músicos propios nos nosos festivais".

Nomes e tendencias

Paco Charlín: "Co jazz están a se mesturar moitas cousas, desde música tradicional ata rock"



Nani García: "O acceso a educación que están tendo as novas xeración de músicos non está exenta de perigos. Un deles é a uniformización do estilo"



Abe Rábade: "O jazz que se practica en Galiza combina en xeral bastante equilibradamente a tradición coa vangarda"



En canto aos nomes que se poden destacar no panorama, Charlín, desde a súa experiencia como editor discográfico, adianta algúns. "Virxilio da Silva, Xulio Campos, Marcos Pin, Sumrrá, Felipe Villar". En canto aos sons que xorden dos jazzistas galegos, considera que "están a se mesturar moitas cousas, desde música tradicional ata rock. É normal porque aparece xente nova, e cada un ten as súas influencias fóra do propio xénero, e déixanas sentir no seu traballo. É o mesmo que acontece en Estados Unidos co hip-hop, e iso é moi produtivo".

García, pola súa banda, advirte de que "o acceso á educación que están tendo as novas xeración de músicos non está exenta de perigos. Un deles é a uniformización do estilo. O jazz é unha música que rompeu coa tradición clásica precisamente nese punto. Era a música do interprete imprevisible e o compositor inmediato que co seu selo persoal conseguía crear sinatura propia. De todos os xeitos, non quero confundir a ninguén con isto, pois nada máis lonxe da miña intención que ser catastrofista. Son ciclos que se dan no devir da creación colectiva. A tendencia que hoxe máis abonda é a que marcan os centros de educación máis salientables no mundo. Isto implica o perigo de uniformar os estilos, pero a natureza xa se encarga de cando en vez de buscar novas figuras que irrompen de forma orixinal. É cuestión de esperar e deixar madurar a cousa e seguro que Galicia rematará tendo voz propia tamén no jazz. Algunha xente está empezando a amosar cousas ao asumir novas entregas discográficas ano tras ano". No entanto, advirte que "un dos problemas actuais é que non temos xeracións suficientes na historia do jazz galego para que isto se estea dando agora mesmo. Podemos pensar nos escandinavos, ou mesmo no proceso Flamencojazz que tivo lugar diante das nosas narices coa figura catalizadora de Paco de Lucía".

Para Rábade, "o jazz que se practica en Galiza combina en xeral bastante equilibradamente a tradición coa vangarda. Hai moitos músicos que tiveron a oportunidade de estudar ou vivir en EEUU e no norte de Europa. Cando voltaron, eses músicos trouxeron ese equilibrio do que falo, que é como se concibe o jazz maioritariamente nos lugares punteiros do planeta".

As discográficas

Paco Charlín: "Pretendemos ser unha plataforma que permita sacar adiante os proxectos dos músicos. Son eles os que os teñen que defender, facer promoción e os vender nos seus concertos"



Nani García: "o papel das discográficas debería ser só un que non sei se está a dar neste momento: distribuír"



Como noutros ámbitos da música, tamén neste xénero está en cuestión o actual papel das discográficas. Cunha ampla experiencia desde Free Code, Charlín sinala que en xeral "as discográficas apostan por xente cun nome que venda e que permita soster economicamente o proxecto", o cal provoca tamén de xeito indirecto un incremento da autoedición de todos os que non entran nesa categorías. Pola banda do seu proxecto, apunta que "pretendíamos ir sacando os traballos dos alumnos do Seminario Permanente de Pontevedra e algunha cousa vencellada, pero a xente comezou a se interesar e vimos que existe demanda dunha discográfica como esta". En canto ao xeito no que se acada chegar á centena de discos que deitou a súa firma, sinala que "nós pretendemos ser unha plataforma que permita sacar adiante os proxectos dos músicos", pero advirte que "son eles os que os teñen que defender, facer promoción e os vender nos seus concertos. É case como se eles mesmos se editasen. A idea é que poidan facer o disco que queren, sen trabas".

Na mesma liña, e desde a súa implicación en Xingra, García apunta que "o papel das discográficas debería ser só un que non sei se está a dar neste momento: distribuír. Hoxe o problema xa non é producir, senón acceder aos diferentes nichos de clientelas no panorama mundial. O acceso á produción xa deixou de ser un luxo inasequible para o músico. Neste senso as poucas discográficas que hai no panorama galego están a cubrir as expectativas de poñer un pouco de orde no prolífico mundo da autoedición. Ao meu entender iso vai a ser o futuro, onde o músico poida detentar a propiedade da meirande parte dos dereitos que emanen dunha produción. O que comeza a se ver agora son formas de distribución física ou dixital distintas que se van encargar de levar ao cabo este labor". García salienta que "é imperiosa a necesidade de normalizar o estado de todas estas cousas que rodean o mundo da publicación e da comunicación para que o autor e o interprete poidan traballar tranquilos sabendo que todos e cada un dos seus dereitos están sendo xestionados de forma eficiente e xusta, algo que a día de hoxe está a ser complicado por mor de toda unha serie de problemas que se están a dar no seo das entidades de xestión, grupos de comunicación ou editoriais".