A potencia desvendada

Unha escena estable e activa marca a situación do jazz, que continúa a ser minoritario en Galicia

Unha escena estable e activa marca a situación do jazz, que continúa a ser minoritario en Galicia
Galicia é unha potencia en Jazz. O mantra repítese desde hai anos. Músicos con éxito internacional, citas consolidadas, asociacións e un importante tecido formativo manteñen vizoso o estilo no noso panorama cultural. No entanto, e coas cifras na man, seguimos a falar dun xénero minoritario tanto a nivel de creadores como de público. A coincidir coa nova xeira do festival vigués Imaxina Sons e cos cen discos da editora Freecode Jazz Records facemos un repaso por este xénero.

Ata que punto o jazz ten importancia no noso panorama cultural? A existencia de múltiples festivais veteranos, de músicos recoñecidos e de discográficas de certo renome semellan apuntar unha potencia indiscutible para o xénero. No entanto, se reducimos os ditos a cifras, comprobamos ás claras que seguimos a falar dun estilo para minorías no noso país. As inscricións nos Premios Galegos da Música, que supoñen a máis ampla, aínda que non exhaustiva, base de datos sobre formacións musicais no noso país, rexistraba en 2013 un total de 38 grupos de jazz, que pasaban a ser 18 en 2014. Isto supón respectivamente un 7,3 e un 6 por cento dos inscritos en cada un dos anos. A coincidir con isto, o catálogo de Galician Tunes, plataforma da xunta para a promoción internacional da nosa música, rexistra unicamente 39 formacións dedicadas ao estilo dun total que supera as 200 bandas e solistas rexistrados. É dicir, que en relación a xéneros como o pop ou o folk, son poucos os profesionais que se dedican a este ámbito.

Despois do folk, o jazz e o blues
A nivel de concertos, é certo que o Observatorio da Cultura Galega, a partir dos datos da SGAE sitúa o "Jazz, blues e soul " como terceiro xénero máis programado por detrás do Pop-rock (78,3% dos concertos) e mais do folk (4,2%) nas nosas terras. Mais debemos ter en conta que falamos unicamente, na altura de 2014, dun 3,9% dos recitais do país. No entanto, tamén cómpre destacar que a cifra case duplica a media estatal, cifrada únicamente nun 2,1%. Esta diferenza mantense en diferentes anos.

Á luz destes datos, temos unha terra na que a afección aparenta ser maior do que na media do Estado (aínda que debemos ter en conta que os datos integran tamén blues e soul), pero que continúa a ser minoritaria. Unha minoría, no entanto, persistente e inasequible ao desalento. E, a xulgar pola cantidade de formacións que apostan polo estilo e pola oferta formativa, activos na súa afección.

Lonxevidade, citas e locais
Deste xeito, algo que semella caracterizar os festivais e os locais dedicados a este xénero no noso país é a lonxevidade. Aínda que houbo experiencias que ficaron no camiño, moitos dos escenarios que existen son referentes desde hai xa moitos anos. Sirva como exemplo o Festival de Jazz de Lugo, que cumprirá este ano un cuarto de século. Non moi lonxe están o de Pontevedra, que fai vinte e tres edicións, ou a Primavera de Jazz de Ourense, que cumpriu dezanove neste 2015. Hai que destacar tamén o Canjazz de Cangas, fundado nada menos que en 1979 aínda que con algunhas interrupcións no seu percurso, e o Imaxina Sons, que fai once anos a partir . As citas máis recentes son a coruñesa JazzAtlántica, nada en 2012, e mais o festival de Ribadeo, que celebra este ano a súa cuarta xeira. A estes hai que sumar propostas como o Ciclo 1906, que finalizou o pasado 19 de xuño a súa VI edición e que leva anualmente unha selección de artistas galegos e internacionais polas principais cidades do país e de todo o Estado.

No entanto, non se poden esquecer outras propostas que quedaron polo camiño e que mesmo, nalgúns casos, chegaran a se constituír como referentes. Un exemplo neste sentido é o Ciclo de Jazz da Fundación Barrié, que entre 1996 e 2012 trouxo ao noso país nomes internacionais do xénero, e que sucumbiu, segundo os seus organizadores, á crise económica logo de 17 edicións. Outras tentativas que non tiveron continuidade foron o Arteria Jazz, un dos varios experimentos para contar cun festival dedicado ao xénero en Compostela, o Iberojazz da Coruña, o Jazz Mariñas, o Nigranjazz, o Festival de Baiona ou a Semana do Jazz Galego, nada da man de El Corte Inglés.

De xeito similar, hai tamén unha boa colección de locais que manteñen o seu vencello co jazz desde hai décadas. O Jazz Filloa da Coruña, o Dado Dadá de Compostela (os dous de 1980), o Clavicémbalo de Lugo (1986) ou o Latino de Ourense (1987) son nomes imprescindibles para a escena aos que se suma en Vigo o Xancarajazz, nado en 2009.

Aprender
As infraestruturas do jazz en Galicia non se restrinxen en absoluto aos espazos para tocar ao vivo. Ámbitos como a formación e as discográficas están tamén presentes cunha notable actividade. A nivel de estudos existen nada menos que dous seminarios activos, o Permanente de Pontevedra, con catorce anos ás costas e preto de quiñentos alumnos, e mais o da Mariña. Ademais, escolas como Estudio e Drops en Compostela ou Aula de Jazz na Coruña marcan un panorama con múltiples opcións neste campo. A isto cómpre engadir o fito que supuxo en 2006 a creación dun título de jazz nos conservatorios galegos, que xa ten os seus primeiros titulados desde 2012 e que se organizaron nunha asociación para defender os seus intereses e dinamizar a escena.

Gravar
Noutro ámbito, o nacemento en 2005 de Audia Records e no ano seguinte de Freecode Jazz Records como discográficas galegas centradas no jazz marcaron un fito. Logo de nove anos de traballo, esta última firma acaba de completar as cen referencias no seu catálogo, nunha inmensa maioría de artistas galegos. Outra experiencia é a de Azos Jazz, dirixida por Abe Rábade, mais cun pequeno catálogo e sen actividade nos últimos tres anos. Canda a elas, un nutrido panorama de traballos autoeditados e o catálogo de discográficas non especializadas como Xingra completan, canda aos creadores galegos editan os seus traballos coa madrileña Karonte (Abe Rábade) ou coa vasca Gaztelupeko (Victor Aneiros), o panorama discográfico

A sumar os catálogos dispoñibles en liña das discográficas galegas mentadas, temos un total de 146 discos do xénero publicados no noso país desde 2001, na súa inmensa maioría de artistas do país, aos que se deben sumar unha múltitude de autoedicións difícile de cuantificar. A nivel de estilos, temos desde as propostas máis clásicas a experimentos. Se podemos falar dalgunha tendencia nidiamente galega, destaca as apostas por integrar a música tradicional do país neste estilo, con doses máis ou menos importantes de fusión. Nese ámbito atopamos propostas dificilmente clasificables como a de Mónica de Nut, a pasar por tentativas nas que a pegada folk ten un grande peso como son Talabarte, Nordestin@s ou Peldenoz. O interese polos literatos do país tamén deixou a súa mostra no jazz, con iniciativas como Rosalía 21 ou Sons nús a lembrar a Uxío Novoneyra.

Nomes
En canto a nomes, é relativamente complicado definir formacións nun estilo no que as colaboracións son constantes e mudan de proxecto en proxecto. Son moitos os músicos que compatibilizan proxectos en solitario ou como líderes con participacións en discos doutros músicos ou en propostas colectivas. Pablo Seoane, Baldo Martínez, Abe Rábade (co GHU! Project), Paco Charlín, Xan Campos, Nani García (tamén con Clunia), Alberto Conde ou o percusionista LAR Legido son exemplos desta versatilidade. Como caso extremo, temos a Xacobe Martínez Antelo, que dá nome a un trío, un cuarteto e un quintento, ademais de participar en proxectos como Sumrrá ou A Tribu. Outros nomes que están a destacar nos últimos anos son Iago Fernández, Rafa Fernández, Roberto Somoza, Felipe Villar ou Quinito L. Mourelle. A nivel xeracional, manteñen a súa actividade nomes xa veteranos, como Nani García que arrincou con Clunia xa en 1982 a se mesturar con quen pasou polo Seminario de Jazz de Pontevedra, como Virxilio da Silva.