A explosión das pedrafitas

Arqueólogos e afeccionados cambian a idea da paisaxe megalítica galega

Arqueólogos e afeccionados cambian a idea da paisaxe megalítica galega
Pedrafita de Mántaras (Irixoa). Ao fondo, unha mámoa. Foto: Moncho Boga
En só vinte anos, a paisaxe megalítica de Galicia cambiou de xeito radical. Pensábase que algúns dos elementos característicos doutras latitudes do megalitismo atlántico, como as pedrafitas e os círculos líticos non existían no noroeste ibérico. Arqueólogos e afeccionados están a localizar, intensamente conectados polas novas tecnoloxías, un inxente patrimonio monumental que algún investigador estima en máis de cen novas pedrafitas distribuídas por toda Galicia. Falamos con algúns dos seus descubridores e investigadores.

Dun único menhir catalogado a mediados dos noventa, a Lapa de Gargantáns (Moraña, Pontevedra) pasouse a que na actualidade algúns investigadores estimen o corpus galego de pedrafitas en máis de centovinte, das que cinco delas xa foron declaradas Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia. "Agora aparecen como cogumelos, en cantidades industriais", afirma enfaticamente o arqueólogo e colaborador do Museo da Terra de Melide Xurxo Broz, quen canda a tamén arqueóloga do museo Cristina Vázquez localizaron un dos últimos conxuntos de pedrafitas publicadas: nos concellos de Santiso, Melide e Boimorto.
"O panorama non ten nada que ver a cando eu comecei nisto", afirma contundente Moncho Boga, técnico de Cultura do Concello de Cambre e un histórico experto no coñecemento do mundo megalítico galego. "De aquela eu preguntábame: en Galicia temos 10.000 mámoas, máis que na Bretaña ou nas Illas Británicas", sinala Moncho, "baixabas a Portugal e comezaban a aparecer menhires ata chegares ao sur da franxa atlántica, o Alentejo, onde xa son enormes e moi abundantes. Pero tamén o mesmo cara o leste. En Asturias xa comezaba a haber pedrafitas e a cousa se multiplicaba conforme ías por Santander e o País Vasco. E por que raio non había aquí?".

Ollar para outro lado
"Antes non se quería mirar para elas", sinala Xurxo Broz. "Como moitas se pensaban que eran medievais, xa non se lles daba importancia. Creo que estiveron un pouco desprezadas". Para Moncho Boga, outro dos problemas é a ausencia de rexistro: "as pedrafitas teñen un problema. Escavas ao seu redor e non hai materiais datables asociados a elas. E claro, un arqueólogo, agás que a pedrafita teña unhas gravuras espectaculares, son moi reacios a considerar unha pedrafita como tal. Pero non pasa nada! Pódela catalogar a nivel etnográfico e xa é algo".


A Lapa de Gargantáns, unha das poucas pedrafitas prehistóricas recoñecidas ata mediados dos 90. Foto: Regueifeiro / patrimoniogalego.net.

O avance dos últimos vinte anos non só é en cantidade, senón en coñecemento, segundo Boga: "pasamos de que só se recoñecera a Lapa de Gargantáns e como dubidosa a Pedra Alta de Xinzo nos 90 a que hoxe teñamos un gran coñecemento tanto na metodoloxía, nos criterios que nos permiten distinguir as pedrafitas das que non o son, como no número de exemplares localizados". Boga menciona o cálculo doutro investigador, Alberto Alonso, en máis de cento vinte exemplares repartidos por todo o país. Deles, cinco máis xa foron recoñecidos como Ben de Intereses Cultural (a máxima categoría de protección para un ben cultural da lexislación galega). Son a Pedrafita de Bretal (Ribeira, a Coruña) , a Pedra Alta de Antela (Cortegada, Ourense), A Boia (Guntín), a Pedrafita do Carrizo (Vilalba). E unha estela-pedrafita en Vilar de Santos. A estas cinco hai que sumarles a xa histórica Lapa de Moraña, tamén con categoría BIC.

Conexións dixitais
Que é o que cambiou para que se dea esta eclosión? Para Moncho Boga, tanto as publicacións como a educación informal e o intercambio de información entre interesados, afeccionados e profesionais. "Eu percibín un cambio a partir da publicación dun libro meu: Dólmenes de Galicia. Arquitectura das grandes pedras (Bahía, 1997), no que xa amosaba algunhas pedrafitas. A partir dese momento comezaron a descubrirse algunhas". Pero o impacto das novas tecnoloxías, xa nos noventa, foi e segue a ser decisivo. "Nos noventa constituímos coa primeira Internet un grupo de "pedrafiteiros" que nos intercambiabamos información a partir da rede. A xente aprendeu a mirar". Hoxendía Moncho Boga mantén o blog Dólmenes e demais familia no que dá conta de novos achados da súa rede de contactos. Outros blogs coma O noso patrimonio, de Xabier Moure, funcionan a modo de inventarios que especialistas como Xurxo Broz e Cristina Vázquez empregan para saír a campo e verificar monumentos in situ. Os "pedrafiteiros" tamén contan o grupo de Whataspp "Fuso da Moura" para ter máis inmediatez coas súas descubertas e consultas.

"O impresionante", sinala Moncho Boga, "non é só que haxa pedrafitas, senón que moitas se conservaron durante séculos funcionando como marcos de territorio". Polo xeral, as pedrafitas que funcionaron como liñas divisorias entre propiedades, entre parroquias ou concellos, son moitas das que hoxe se están a localizar. Pero unha boa parte das que se localizaron sufriron un proceso curioso. Os seus propietarios localizáronas soterradas pero quixeron preservalas, e volvéronas erguer en partes das fincas que non molestaban. Así aconteceu coas novas cinco pedrafitas localizadas nas Terras de Melide. Deuse algo maravilloso: os galegos do século XX volvían erguer pedras milenarias dándolles novas funcións estéticas e de demarcación.


Pedrafita número 2 de Boimil (Boimorto). Foto: Eixil Cedeira.

Os novos levantadores de pedras
"Chamounos a atención o respecto e o agarimo que teñen os propietarios por estas pedras", sinala Xurxo Broz, "déronnos todo tipo de facilidades para catalogalas, publicalas e informar a Patrimonio". Os achados de Melide foron publicados en dous números sucesivos (o 24 e o 25) do Boletín do Centro de Estudos Melidenses – Museo da Terra de Melide. Estes achados son un bo exemplo mesmo da diversidade formal das pedrafitas galegas. "As de Andabao (Boimorto) son pedrafitas de manual", sinala Broz, "teñen unha sección circular, un engrosamento central e lembran moito ás do Baixo Alentexo. A número 2 de Andabao é idéntica a unha que hai en Faro". Ante a ausencia de materiais, arqueólogos como Broz e Vázquez tentan buscar pistas sobre o aspecto máis difícil de interpretar destes menhires: a comparación con outros máis estudados. Os arqueólogos melidenses están convencidos de que alomenos as de Andabao son de época Neolítica. Outras non son tan doadas de encaixar cronoloxicamente.


Xurxo Broz e Cristina Vázquez na Pedra do Casal (Campos, Melide). Foto: Eixil Cedeira.

"As pedrafitas poden ser neolíticas, pero tamén poden chegar á Idade do Bronce ou mesmo aos principios da Idade do Ferro", sinala Moncho Boga, quen propón que "un tamaño menor pode indicar que a súa antigüidade tamén é menor, como pasa coa relación entre dólmenes, máis antigos, e cistas, máis recentes". Se é por tamaño, coa que están fascinados Broz e Vázquez é coa Pedra do Casal, na parroquia de Campos (Melide), que cos seus impresionantes cinco metros de altura podería ser a máis grande de Galicia. Está feita en gneis, na pedra coñecida como ollos de sapo, unha pedra moi difícil de traballar. A Pedra do Casal localizouse deitada, facendo de soporte dun valado, e cando os propietarios a moveron, caeron seis metros de muro. Pesaba tanto que a pedra foi levada ata o seu emprazamento orixinal a rolos, porque a escavadora non podía con ela.

Pedras no campo de mámoas
Moitas das pedrafitas que hoxe se ven están movidas do seu contexto orixinal, destruídas ou trasladadas a novos espazos. Iso impide comprendelas no seu contexto orixinal, pero os investigadores pensan que moitas delas estaban encravadas na paisaxe das antigas necrópoles megalíticas, rodeadas de mámoas e dólmenes. Un exemplo destas é a Pedrafita do Carrizo (Vilalba), ubicada no corazón dun campo de mámoas e considerada por Eduardo Ramil, director do Museo de Vilalba como unha das poucas pedrafitas aínda na súa ubicación orixinal.
Outra pedrafita mergullada nun campo de mámoas ten fascinado a Moncho Boga, quen publicou canda Ángel Gilberto Papigil a "pedrafita-menhir" de Mántaras (Irixoa, A Coruña) no anuario Fol de Veleno da Sociedade Antropolóxica Galega.

A impresionante pedra ten petroglifos cruciformes, está ao carón dunha vella capela e no medio dun importante campo de mámoas, nunha vertixinosa secuencia de cambios culturais e relixiosos ao longo de milenios. "Desde a pedrafita pódense ver alomenos oito", sinala Boga. Segundo o seu colaborador Gilberto Papigil, un amplo rebaixe cóncavo da zona superior está directamente conectado co solsticio de inverno. "Fun durante anos a ese lugar, porque me gustaba moito a ermita de Mántaras, e nunca entrara ata o lugar onde estaba a pedrafita", dixo Moncho, "pero sempre me emociono cando visito ese sitio. Durante miles de anos este foi un lugar de antigos deuses".