Galicia conmemora o Día do Libro cun maratón de actos

Esta celebración fomenta a lectura e a protección da propiedade intelectual

Día do Libro
Día do Libro
Talleres, sorteos, descontos, presentacións e exemplares gratis para conmemorar en toda Galicia o Día Internacional do Libro. O 23 de abril foi a data elixida pola UNESCO hai 19 anos para celebrar o Día Internacional do Libro e dos Dereitos de Autor, co obxectivo de fomentar a lectura, transmitir a cultura dos pobos e difundir a educación, a ciencia e a información en todo o mundo. Esta data é simbólica xa que coincide co falecemento dos escritores Miguel de Cervantes, William Shakespeare e Garcilaso de la Vega.



Contacontos, liberación de libros, visitas guiadas, sorteo de lotes de libros, exposicións bibliográficas e encontros con escritores son algunhas das actividades que ofrecen esta semana as bibliotecas centrais territoriais das cidades galegas e a Biblioteca de Galicia, xestionadas pola Consellería de Cultura e Educación, para convidar a cidadanía a conmemorar o Día Internacional do Libro.

Arredor desta data as bibliotecas públicas de Lugo e de Ourense, a Biblioteca Pública de Santiago de Compostela Ánxel Casal, a Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, a Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, a Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel e a Biblioteca de Galicia, en Santiago de Compostela, ofrecen diversas propostas para lles achegar o libro e a lectura a grandes e pequenos.

Tamén asociación cultural Charenton Club Cultura en Vigo, (Avda. Ramón Nieto, 58), súmase ás cebracións inaugurando a biblioteca As Literatas, especializada en poesía galega e internacional. Este novo espazo cultural tamén estrea a sección de troca de libros e celebra o centenario da publicación d'A Metamorfose de Franz Kafka cunha lectura pública e multilingüe da obra.

Unha celebración á que tamén se unen algúns dos museos de xestión autonómica coa súa participación nunha experiencia estatal de bookcrossing que porá en circulación máis de 2.000 volumes.
Os museos galegos tamén se unen a esta conmemoración coa súa participación nunha campaña estatal de bookcrossing que liberará máis de 2.000 volumes.

Feira do Libro de Bos Aires
Coincidindo tamén co 23 de abril, o sector editorial galego estará a través do stand de Galicia, promovido pola Consellería de Cultura e Educación en colaboración co Instituto Argentino de Cultura Gallega, na Feira Internacional do Libro de Bos Aires.

Ligazóns