A literatura supera calquera distanciamento no Día do Libro

Sucédense actividades virtuais e iniciativas en bibliotecas e museos

Cartaz promovido desde a Xunta de Galicia
Cartaz promovido desde a Xunta de Galicia
O libro, como contedor de literatura, celebra hoxe o seu Día internacional do Libro e dos dereitos de autor na data que coincide a desaparición dos escritores William Shakespeare, Miguel de Cervantes, e faino nun contexto novo para todos e radicalmente diferente a todo o antes vivido. A reinvención tan comentada durante anos desta efeméride faise hoxe de xeito forzado e a paixón e o enxeño demostran que xustamente é a cultura a que pode superar todas as barreiras. As bibliotecas son axentes moi activos nesta data a través de múltiples actividades e campañas de animación que desde a asociación de documentalistas Bamad ocupáronse de ir recompilando sen distinción da titularidade da biblioteca, xa sexan da Xunta, municipais ou provinciais.. Cartaces para a ocasión, múltiples actividades nas redes sociais coma lecturas conxuntas, invitacións a compartir fotos dos espazos de lectura, recomendacións literarias, creación de relatos colectivos ou outras accións que crean comunidade arredor do feito lector e animan a abrir os libros demostran a creatividade coa que desde as bibliotecas segue a traballarse nesta data. O museo MARCO de Vigo celebra o Día do Libro cunha sesión especial de contacontos online para público familiar, un avance da súa publicación sobre o artista Manuel Colmeiro, e unha nova edición da experiencia de Bookcrossing na rede, en colaboración con outros museos e centros de arte.

Coa intención de que tamén alí onde esta agora mesmo o foco de todas as preocupacións non falte o alento da literatura, a Xunta de Galicia distribúe en 14 hospitais públicos un total de 4000 libros procedentes das adquisicións da Consellería de Cultura e Turismo a editoras para o seu agasallo xeral e uso nas aulas hospitalarias. A iniciativa fornece dunha opción de lecer cultural, relaxación e entretemento tanto aos alumnos das devanditas aulas e as unidades de pediatría, como a aqueles pacientes que pola súa enfermidade estean en disposición e desexen ler, os seus acompañantes e persoal do SERGAS. A remesa está configurada de xeito maioritario por obras de literatura infantil e xuvenil en galego, e inclúe unha compilación de títulos para aproximarse ao patrimonio cultural e, especificamente, ao Camiño de Santiago. Ademais diso museos da Xunta sacan hoxe tamén publicacións dixitais para a súa distribución de balde.

Poñer en valor as librarías
Pola súa banda o Concello de Pontevedra non quere esquecer neste día a outro dos axentes indispensables do libro e quere apoiar neste días ás librarías locais, tan en risco ante a crise. A Concellaría de Dinamización Sociocultural pon hoxe en marcha a campaña virtual #ganasdelibrarias, co obxecto de fomentar a lectura do libro galego e poñer en valor este establecementos como elementos imprescindibles do tecido empresarial cultural da cidade. A campaña, que seguirá de hoxe en adiante ao longo do mes de maio, incluirá a difusión de vídeos nos que libreiros e libreiras da cidade, ou persoas do sector literario e da cultura, recomendarán á cidadanía un libro en galego. Estas propostas de lectura serán difundidas a través das redes sociais do Concello e da web Festa dos Libros.No cConcelloda Coruña poñen en marcha tamén outra campaña, co cancello #mollámonospololibro a campaña evidencia a fraxilidade dun sector que vive o seu día grande no medio dunha ameazante tormenta para lanzar unha mensaxe de unidade e apoio a todos os actores do mundo do libro.