A cultura galega despide en Madrid ao intelectual viveirense Lois Tobío

¡Adeus Tobío!

Pola súa man pasaron os temas máis importantes que contribuíron a que a realidade xurídica sexa tal como é hoxe. Foi redactor do Anteproxecto de Estatuto de Autonomía e do Anteproxecto de Estatuto da República, fundador do Seminario de Estudos Galegos. Lois Tobío (Viveiro, 1906-Madrid, 2003) finou a semana pasada aos 97 anos de idade. Un galeguista e humanista que desenvolveu unha grande actividade en favor de Galicia que non sempre lle foi recoñecida.

Lois Tobío é un deses personaxes difíciles de abarcar debido á diversidade e multitude dos seus traballos. Foi un intelectual comprometido cunha Galicia que abandonaría moi cedo. Cursou Dereito en Santiago, unha formación que o axudaría a formar parte dalgúns dos acontecementos políticos máis importantes para o desenvolvemento do réxime xurídico actual. Na súa época de estudiante en Compostela formou parte do grupo fundador do Seminario de Estudos Galegos. As súas brillantes notas (foi premio extraordinario de fin de carreira) levárono a continuar estudios de Ciencia Política en Berlín.



Xiro á política

En 1931, cando xa tiña unha oposición aprobada en Santiago, marcha a Madrid para facer o seu doutoramento. A súa vida dá un xiro inesperado ao ingresar por oposición na carreira diplomática. Foi secretario da embaixada española en Sofía
onde o sorprendeu a guerra civil e onde manifestou seguir sendo fiel aos postulados da república. Non regresaría definitivamente a España ata 1938, pero antes xa participara co equipo que redactou o anteproxecto de Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936.



Camiño do exilio

Co exilio iniciou os contactos coas comunidades galegas en América. O seu primeiro destino foi Nova York onde se atoparía con Castelao e onde iniciaría unha actividade cultural tendo como base o Centro Galego da cidade. De aí pasaría á Habana onde na súa breve estadía fundaría a Escola Libre cun grupo de escritores cubanos entre os que estaban Raúl Roa, Fernando Ortiz, Portuondo... Pero pronto marcharía á México D.F. onde foi profesor no Instituto Hispano Mexicano. Na súa época no exilio foi coorganizador e mentor do I Congreso da Emigración Galega (Bos Aires, 1956) onde foi responsable da redacción do Manifesto. Despois instalouse en Uruguai, que foi a súa última estancia en América ata a súa volta a Madrid en 1963.



Tobío tamén foi, como moitos intelectuais da época, xornalista. Oficio co que fixo innumerables achegas a través de revistas e publicacións periódicas ( “Marcha”, “Imago mundi”, “El día”) nos programas radiofónicos “Galicia emigrante”, “Sempre en Galicia” e na emisión galega da BBC. Pero tamén foi un incansable e asiduo participante nas tertulias e nos centros culturais galegos.



E tamén literato

Pero na axitada vida de Lois Tobío tamén houbo sitio para a literatura, a investigación e a traducción. Publicou numerosas obras literarias entre as que destaca “Arredor da saudade” (1954) e, á volta do seu exilio en Madrid, interesouse pola figura de Diego Sarmiento y Acuña, máis coñecido como o conde de Gondomar, sobre o que ten publicado un amplo e extenso ensaio co que obtivo o Pergameo de Honra e Loubanza do Patronato do Pedrón de Ouro (1984). Arredor da figura do Conde publicou gran cantidade de traballos como “Catro ensaios sobre o Conde de Gondomar” e “Gondomar e Galicia” (publicado na revista Grial).



Completa o seu polifacético perfil a súa pertenza ao Consello Asesor do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) .



Da súa man traduciu numerosas obras, como o “Fausto” do Goethe polo que recibiu no 2002 o Premio de Traducción Plácido Castro; “Os sonetos a Orfeu” de Rilke e “Nai coraxe e máis os seus fillos” de Brecht. Foron precisamente poemas e textos traducidos por el os que se recitaron na súa despedida esta fin de semana en Madrid. No cemiterio da Almudena estaba representantes do mundo da cultura entre os que destacaba o escritor e debuxante Isaac Díaz Pardo que foi o encargado de pronunciar unhas palabras en lembranza dun dos últimos representantes do renacemento cultural do século XX.


A fotografía pertence ós fondos do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega.