O CCG publica o libro 'Lembranza do Seminario de Estudos Galegos' con textos de Lois Tobío

O volume reproduce dous textos orixinais do galeguista nos que dá conta da creación do SEG e fai anotacións sobre os inicios do autonomismo en 1931

O Consello da Cultura Galega puxo hoxe a coda á celebración do centenario do Seminario de Estudos Galegos (SEG) coa presentación do libro "Lembranza do Seminario de Estudos Galegos", de Lois Tobío, unha edición do CCG a cargo de Ramón Villares. O libro inclúe dous documentos reproducidos escritos a man polo propio Tobío ou mecanografados, pertencentes ao Fondo Lois Tobío que custodia o CCG por acordo coa filla do ilustre galeguista cando se fan 20 anos da súa morte, neles Tobío dá conta da que foi a breve pero frutífera historia do SEG ou presenta unha notas ao que sería o Anteproyeito do Estatuto da Galiza redactado en 1031 por encomenda do Seminario. No se conxunto, segundo explica Villares na introdución, estes dous textos "aluden a dous traballos esenciais que Lois Tobío desempeñou no seo do SEG: a súa fundación e posta en funcionamento nos primeiros anos da institución e unha achega orixinal á historia do autonomismo galego". Lois Tobío ( Viveiro 1906 - Madrid 2003) foi membro fundador do Seminario de Estudos Galegos, diplomático, xornalista, escritor e impulsor do Consello de Galiza no exilio. Como sobre el lembra a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, Tobío "non é só o cronista que esculca a realidade circundante e fai un realto veraz: el é con frecuencia un dos participantes, un axente indispensable que non procura ser destacado como protagonista".