O tempo das máscaras

Presentan o libro Escritoras na Galicia do século XIX

Chamábanse Ánxela, Felicia, B.R., Elena, a Señorita de Flamant, Ernestina, Zoe...e son todos seudónimos que aparecen na prensa do século XIX. Baixo eles agocháronse mulleres e homes que deciden ocultar a súa identidade por motivos moi distintos, nun tempo de profundas tensións sociais e políticas. Así nolo conta o libro Escritoras na Galicia do século XIX, editado polo Instituto Padre Sarmiento e presentado a semana pasada.

"Queriamos comprobar que detrás do gran triunvirato de Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal había moitísimos nomes máis de mulleres, esquencidos nas poeirentas páxinas dos xornais do XIX", explica graficamente Carlos A. González Paz, científico do Instituto de Estudios Gallegos "Padre Sarmiento" do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, e editor do volume Escritoras na Galicia do século XIX, unha sorte de diccionario biobibliográfico que recolle unha inxente cantidade de biografías de escritoras galegas do XXI.

O Instituto Padre Sarmiento levaba tempo traballando na historia social das mulleres, e esta publicación foi un chanzo máis nese camiño.
"Fíxose un inxente traballo hemerográfico, tanto na prensa galega coma no ámbito cultural galego. Iso quere dicir revisar a prensa galega producida en Madrid ou editada na diáspora, na Habana ou Bos Aires, así como moitas outras cabeceiras", comenta González Paz. Todo ese coñecemento foi sistematizado en forma de entradas biografícas.

Cambio de idea
"O que nos permite esta investigación é dar visibilidade a un fenómeno que, se ben se tiña intuído, non estaba demostrado científicamente", sinala o historiador. "Malia as negativísimas condicións existentes para as mulleres na Galicia do XIX, houbo mulleres que foron moito máis alá dos límites establecidos para elas, e foron quen de presentar a súa creación no ámbito público".

Para este século González Paz distingue dous tipos de escritoras. "Por unha banda, estaban as escritoras socialmente consentidas ou toleradas, que admitían os límites do canon establecido para as mulleres". Eran estas escritoras de xéneros e temáticas establecidos: "Deus, patria, amor e fillos". Para González Paz estas son "maioría e proceden da burguesía ilustrada das vilas e cidades galegas". E logo están as escritoras proscritas, "como Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán, Filomena Dato", e que representan "mulleres que deciden trascender o ámbito do doméstico, publicar os seus textos e transgredir o canon literario imposto para elas".

Travestismo literario
Pero se cadra un dos elementos máis sorprendentes que se vai atopar o lector de Escritoras na Galicia do século XIX é a gran abundancia de seudónimos, dos que non se coñece a súa autora (ou autor) real, e que configuran un auténtico enigma xornalístico sementado por toda a prensa do XIX. "Cremos que se producen dous fenómenos", asegura González Paz. "Por unha banda está a utilización de seudónimos femininos por autores masculinos consagrados. Durante moito tempo este travestismo literario foi explicado coma o intento por parte destes autores de penetrar no universo simbólico feminino", pero pode haber outras achegas. "Tamén pensamos que ten que ver cunha estratexia para burlar as leis de prensa. Cantos máis xornais se fundan, curiosamente máis mulleres ´hai". Aínda que non é doado recoñecer ao autor detrás dun texto, os investigadores acaban por desenvolver un olfato especial –a suma das técnicas, dos temas, do Xénero, do estilo que lles leva a intuir se detrás dun seudónimo está un home ou dunha muller.

Precisamente o caso das mulleres é moi distinto, xa que recorren ao seudónimo para poder saír do ámbito privado, onde podían ter o bloqueo de maridos ou pais. Deste xeito, envían colaboracións en numerosas publicacións da época. "Outras formas de protección da identidade", sinala González Paz, "está en escribir en cabeceiras distantes. Por exemplo, ser do Barqueiro e publicar en Tui".

Ana María, Ánxela, Carmen, C.R.G., Defema ou Margarita del Campo son identidades ausentes, máscaras que se cadra nunca se dean revelado.