Un soño de museos

A Rede de Museos de Lugo reflexiona sobre o seu propio traballo a partir da arte e os soños

Unha exposición sobre o sono e os soños, que ao tempo serve para facer pensar sobre o papel dos museos. Esta é a proposta que a Rede Museística da Deputación de Lugo ten en marcha ata o final do mes co proxecto Entre o sono e os soños. Camas, colchóns, surrealismo, lúas, pedagoxía e mesmo o persoal da limpeza mestúranse nesta innovadora iniciativa.

Entre o sono e os soños. Soñar para crear na Rede Museística é o título da exposición que se pode ver distribuída nos catro museos da rede da Deputación de Lugo ata o 31 de xaneiro. Aínda que a proposta temática propón nun comezo reflexionar sobre o sono como descanso e os soños como potencial creativo, a exposición explora tamén as posibilidades didácticas e de socialización que posúen estes centros.

Entre todos
"Para alén desa temática, a exposición que amosar o propio concepto de museo para todos e entre todos". sinala Encarna Lago, xerente da Rede Museística. Así, por unha banda, procúranse contidos accesibles ao máximo. Pictogramas para persoas con autismo, textos con diferentes niveis de lectura adaptados para idades e discapacidades mentais ou contidos táctiles e en braille. Pola outra, "pódese comprobar que na ficha técnica da exposición aparece a totalidade do persoal de todos os museos da rede, desde os encargados de limpeza e de vixilancia ata os de comunicación ou didáctica. Sobre todo queriamos visibilizar todo o traballo que se fai, sobre todo aquel que moitas veces non é público". En relación a isto está a ausencia dun comisario da mostra. "Ás veces o exceso de protagonismo individual réstalle importancia ao equipo humano, cando sen todos eles é imposible facer este traballo", sinala a xerente. Así pois, boa parte das reproducións de colchas que se poden ver na mostra saíron das mans das persoas que habitualmente se encargan da limpeza das salas, mentres que os técnicos habitualmente dedicados á investigación correron coa selección de pezas e elaboraron textos a explica diferentes cuestións do proxecto. "A nivel de conservación a maior parte das pezas recuperáronse de almacéns e pasaron por complexos procesos de restauración". É o caso, por exemplo, das camas que doou o Doutor López Suárez, a mesma persoa que pagou a viaxe de Castelao por Europa. "Son unhas pezas impresionantes, policromadas", explica Lago.

Soñar e soñar
Aínda que repartida polos diferentes centros da Rede, a mostra concéntrase na sala de exposicións do Museo Provincial, e distribúe parte dos seus contidos por diferentes salas do mesmo edificio, a integrar pezas que fan parte da exposición habitual. A nivel temático, o proxecto dedícalle unha primeira parte ao sono como descanso, que arrinca cunha cama do século XVIII sobre a que se proxectan imaxes de xente de diferentes idades a durmir e a soñar paisaxes da provincia de Lugo. Logo disto, abórdase unha reflexión a evolución no xeito de durmir, con mostras palpables de materiais cos que se facían colchóns. "Ténsase pensar como durmiría un campesiño Fortaleza de San Paio de Narla en Friol (agora un dos museos da rede) fronte ao señor da torre, como durmiría a xente que estaba no mar fronte á xente de terra", lembra a xerente. A pegada do surrealismo en Galicia, con traballos como os de Saturno Lois, a relación do soño e a morte, con varias máscaras funearias, ou o misticismo e a súa relación cos soños son só algúns dos xeitos nos que se trata a segunda parte da exposición, na que os visitantes atoparán camas e almofadas ao seu dispor.

O xeito de amosar
Para alén de sono e soños, o proxecto chama tamén á reflexión sobre o propio xeito no que se ensinan as cousas nos museos. E é que o paralelismo entre estes centros e os soños mantense como unha tónica ao longo do discurso expositivo. "Ao longo da historia da museografía púxose un peso quizais excesivo nos obxectos fronte ao visitante. Por outra banda, hai unha tendencia á teatralización e á interpretación que moitas veces tíralle protagonismo ás coleccións. Con esta forma de montaxe queremos recoller a riqueza dos fondos da Rede, que van da arqueoloxía á arte contemporánea". Como xeitos de amosar esa variedade, "amósanse pezas en estado puro, expostas para as sentir directamente como obxectos". Ao tempo, "xógase a reinterpretar outras pezas. Póñense en vitrinas obxectos cotiáns, o cal por unha banda é un xeito de os dignificar e pola outra fai pensar nas barreiras que se crean para amosar as cousas". Como exemplo do papel interpretativo dos museos, a mostra recolle un dompedro, un tipo de penico camuflado nunha cadeira de brazos. "Se se pon no medio dunha praza sen máis ninguén sabe para qué serve, hai que o explica e erguer a tapa que amosa o penico".

Participacións
A bandeira da participación guiou todo o proceso de creación da mostra. A partir dunha listaxe de pezas vencelladas ao sono e aos soños na Rede Museística realizouse unha posta en común entre o persoal dos centros para ver os xeitos en que se poderían abordar, e considerando así mesmo un soño a posibilidade de "utilizar un concepto para artellar unha viaxe histórica diacrónica e actualizada polos fondos". Tal e como recoñece Lago, "é complicado facer un proxecto no que se implique todo o mundo e que chegue a todo o mundo. Penso que iso mesmo é un soño, ese traballo en equipo e ser capaces de pensar no outro". Para alén do persoal, a exposición contou tamén con participación cidadá. Guías, actividades teatrais e literarias e mesmo ioga integráronse como actividades neste proxecto. Os interesados en coñecer, teñen ata final de mes e poden acceder na rede a unha completa selección de contidos.
Folleto de presentación de Entre o sono e os soños.
Proceso de restauración das camas de San Paio de Narla.
Artigo sobre a obra de Saturno Lois .
Os colchóns e os seus materiais.