Recoñecemento a discreción

Músicos, literatos e activistas culturais únense para render homenaxe a Manuel Seixas

Grupos musicais a facer versións, textos de Xurxo Souto, Uxía ou Josito Porto entre outros, un web, unha festa. Manuel Seixas converteuse estes días, sen o saber, no foco dunha mobilización na nosa cultura. Un grupo de xente reuniuse para renderlle unha homenaxe sorpresa polo seu traballo como escritor, músico e activista cultural. O proxecto Sonhando con Seixas segue aberto e chega nun momento no que o autor prepara novas iniciativas.

Autor recoñecido cun Premio Xerais ás costas, promotor de propostas editoriais como Madame Mir, músico en proxectos como Korosi Dansas ou Neuroband. Manuel Seixas leva desde hai anos a desenvolver unha intensa ao tempo que discreta carreira na nosa cultura. En paralelo, a primeira grande homenaxe que recebe, tamén se baseou na discreción. O pasado a Illa de Arousa acolleu a presentación sorpresa de Sonhando con Seixas, o web que recolle textos e músicas a reivindicar o traballo deste polifacético creador.

A sorpresa
"El non sabía nada. Pensaba que quedaramos para tomar uns viños como noutro día calquera", explica Vituco Neira, de Ruxe Ruxe e un dos promotores do proxecto. No entanto, cando entrou no Con do Moucho, Manuel Seixas atopouse non só cun feixe de amigos, senón cunha mostra da admiración e interese que esperta en diferentes sectores da nosa cultura. A pequena festa, sen convocatoria pública, serviu para presentar Sonhando con Seixas, un web no que se recollen once versións a cargo Zënzar, Pito de Pikasso, Ruxe Ruxe, De Lombaos ou Quilma entre outros canda a textos de autores como Josito Porto, Elías Rozas, Bocixa, Xurxo Souto, Uxía Senlle ou Pepe Cunha a falar sobre a súa relación co homenaxeado e salientar a súa importancia. Tamén fan parte do tributo debuxos como o que achega Fran Montoiro co título A velocidade do frío. Segundo explica Vituco Neira "optamos por facer un web no canto dun disco conmemorativo porque así o proxecto permite que se vaian incorporando novas colaboracións. Ademais, sabiamos que ademais de músicos, xente doutras disciplinas quería participar, e pareceunos que era o máis axeitado".

A discreción
Pode resultar rechamante que unha figura como a de Seixas, que non é das máis coñecidas entre o grande público, sexa quen de reunir tanto movemento. "Sempre estivo algo lonxe dos focos e do ruído mediático, tamén porque foi algo que lle importou pouco", lembra Neira. "Detrás da súa historia hai novelas e cancións inesquecibles, para min é unha das xoias que temos neste país". Encol que ten de particular Manuel Seixas e a súa traxectoria para merecer este homenaxe, Neira sostén que "o máis peculiar que ten é que a xente conecta co seu xeito de escribir. Máis do que un músico, eu definiríao como un escritor e un filósofo que ten unha sensibilidade brutal, é capaz de remexer nas entrañas de quen o lea ou o escoite, é unha bomba emocional". Como mostra da calidade dos traballos do autor, Vituco destaca que "no proxecto participa xente que nin nacera cando Korosi Dansas debutou. Mesmo contactamos xente que non coñecía a Seixas e que quedaron impactados cando leron libros como A velocidade do frío ou escoitaron os seus discos".

Música invisible
O feito de que a traxectoria musical de Seixas teñan pasado máis desapercibida do que os seus proxectos literarios, Neira apunta que é un problema xeral dos músicos "pásalle á maioría da música deste país, que resulta bastante descoñecida para o grande público, moitas veces inxustamente". Bocixa de Zënzar outro dos organizadores da convocatoria, apunta pola súa banda que "tivo pouca repercusión tamén polos momentos en que lles tocou vivir. Eran tempos difíciles para facer rock en Galicia e en galego, non se podía tocar sen perder moitos cartos. Resultaba difícil ter visibilidade". Así pois, a homenaxe pon de volta na actualidade traballos que poderían pasar desapercibidos para moitos dos músicos máis recentes. "Son dez temas que reviven con outra visión", explica Bocixa. "Penso que Korosi Dansas, así como o traballo que ten en solitario coa Neuroband merece un lugar na nosa música", explica Vituco. Encol da pegada do grupo de Seixas, Bocixa achega unha anécdota "Vituco é unha desas persoas que di que fo cando viu a Zënzar e a Korosi Dansas sendo neno que quixo ter un grupo. E o mesmo lle pasaría a outros. Amosaron que calquera podía aprender e tocar".

En plena acción
Contra o que poida semellar, o tributo non chega por mor de ningunha enfermidade, problema ou situación adversa. "É un xeito de lle dicir que nos gusta o que fai e que queremos que continúe. Está en plena forma, en total ebulición e a piques de gravar un novo disco. Queremos darlle unha enerxía que na realidade non precisa", explica Vituco. Bocixa, pola súa banda, recoñece un sentido oculto nesta homenaxe. "A idea é animalo para que el nos faga un agasallo a nós. Queremos quer reúna Korosi Dansas para un concerto". O proxecto, lembramos, permanece aberto a novas contribucións. "Pensamos que chegarán novas cancións. Hai xente que non rematou de gravar a tempo e outra non soubo da iniciativa". Ou sexa que haberá que se manter atentos a este peculiar web.