Xosé M. Núñez Seixas gaña o XV Premio Manuel Murguía de ensaio

O seu traballo Galicia e a División Azul foi recoñecido no certame da Deputación da Coruña

Este venres 27 de xuño o historiador Xosé M. Núñez Seixas erguíase como vencedor no XV Premio Manuel Murguía de ensaio que convoca a Deputación da Coruña cada dous anos. O investigador ourensán viu recoñecido o seu traballo Galicia e a División Azul con 6.500 euros en metálico e a publicación da obra.

O fallo do xurado destacou o se tratar dun texto "moi ben documentado e con neutralidade na exposición do contido ata a reflexión e conclusión final", no que salienta "o traballo de investigación e de arquivo notable, cunha linguaxe ensaística, estilo divulgativo e fluído, que facilita a lectura". Os documentos, ilustracións, gráficos, e fotografías incorporadas ao texto, a notable bibliografía referenciada e un "uso coidadoso da lingua" preséntanse tamén como méritos da obra gañadora.

O xurado estivo presidido pola deputada de Cultura, Natividade González, e formado por Blanca Paula Rodríguez, gañadora da última edición, e Montse Fajardo, Rebeca Baceiredo, Heitor Picallo e Xurxo Martínez. Actuou como secretaria a xefa do Servizo de Acción Social, Cultura e Deportes, Manuela Muñiz Souto.