Elías Portela faise co premio de poesía Afundación

O autor de Cangas impúxose co poemario Bazar de traidores

A carreira literaria de Elías Portela continúa en Galicia logo do seu éxito en Islandia, país onde reside, como Elias Knörr. O poeta de Cangas facíase onte co premio de poesía Afundación, dotado con 6.000 e a publicación da súa obra, co traballo Bazar de traidores, que presentou baixo o lema Vaca insepulta. O xurado, composto por Luís González Tosar, Óscar Xabier Castro Martínez, Bieito Iglesias Araúxo, Francisco Pérez Lorenzo e Dolores Villanueva Gesteira, valorou "a innovación das imaxes e da estrutura da obra, a mestura dos rexistros culto e popular e a capacidade da crítica vitalista acompañada dun notable sentido do humor". Ademais, apunta que o autor "actualiza o legado da vangarda histórica de Manuel Antonio usando unha linguaxe expresiva dun contexto contemporáneo, cosmopolita e á vez inserido nunha forte identidade persoal". A esta duodécima convocatoria do galardón presentáronse un total de 37 orixinais.