A feira Cuarto Público volta a Compostela en novembro

Cristóbal Tabares & RoRo fixéronse co primeiro premio desta edición

O Hotel NH Obradoiro de Santiago de Compostela acolle entre os vindeiros 28 e 30 de novembro a segunda xeira da Feira de Arte Contemporánea Cuarto Público. Ao igual que na anterior edición, diferentes cuartos do hotel serán escenario das intervencións de diferentes artistas e servirán como galería. Galerías galegas como Trinta, Bacelos, Ad Hoc, Dispara, Metro, Atlántica, Bus Station, Dua2 e Monty4 participarán no evento. Canda a eles, estarán presente no evento institucións como o CGAC, a Fundación Seoane ou a Escola Mestre Mateo. Ademais de exposicións tamén se desenvolverán diferentes performances a cargo de creadores como Nelson Quinteiro, Ana Gesto, Ana Arregui ou Neves Seara e Adriana Pazos Ottón.

En paralelo ao encontro, esta mesma semana falláronse os premios Cuarto Público. Iba yo de peregrina (Y me cogiste de la mano) é o título do proxecto co que Cristóbal Tabares & RoRo, de Tenerife, se impuxeron nesta edición e levaron o Premio Museo Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa. A compostelá Nuria Ruibal levou o segundo posto con No importa el final, e The Startists Club, de Ribeira, obtivo o terceiro premio con Hot Bed, Hot Head.