O bilingüismo medra entre a poboación

O IGE publica datos sobre o emprego do galego nas familias

| Santiago. Redacción | Seccións: Lingua
Compartir:
Poboación en vivendas familiares de 5 ou máis anos segundo o uso do galego

Poboación en vivendas familiares de 5 ou máis anos segundo o uso do galego

A extrapolar datos do Censo de Poboación de Vivendas do INE, o Instituto Galego de Estatística acaba de publicar no seu web os datos relativos ao coñecemento e uso do galego entre as familias do noso país. Segundo esta análise, o número de persoas monolingües en galego baixou trece puntos fronte aos datos de 2001 a ficar nun 43,5% do total de falantes. A cifra verifica o apuntado no Mapa Sociolingüístico de Galicia, que xa en 2009 alertaba de que o galego deixara de ser lingua maioritaria da poboación.

Diminúe tamén, no entanto, o número de persoas monolingües en castelán, que fica nun 10,9%, mentres se incrementa a poboación que emprega en diferentes momentos as dúas linguas, a chegar a un 45,3%.

Desde a Consellaría de Educación e Cultura considéranse positivos estes datos ao sinalar que a suma de bilingües e de monolingües en galego "supón un incremento de dous puntos con respecto ao obtido na mesma enquisa no ano 2001". Segundo a Consellaría "así, son cada vez máis numerosas as persoas que se expresan de xeito natural e espontáneo en calquera das dúas linguas, por considerarse con competencia para facelo, o que consolida tendencias que se viñan presentando noutras enquisas anteriores".

En canto a competencias na lingua, o 98,6% da poboación apunta que comprende o galego e máis do 90% atópase a si mesma capacitada para o falar.

Que che parece esta nova?
42 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con IGE, INE, Instituto Galego de Estatística, Educación...