
Segundo explica Håkan Casares, do Observatorio da Cultura do Consello da Cultura Galega, "nos datos de 2008 xa non se observa a tendencia a que se ralentize a perda de falantes nas idades máis novas". En xeral detéctase tamén un incremento xeralizado do emprego de castelán en todas as idades.

Persoas segundo lingua habitual por idades. Comparación 2003-2008
Cada vez é menos a xente a que posúe un bo dominio da nosa lingua, tanto para a falar como para a entender. Deste xeito, só un 66% da poboación galega entende "moito" o galego, fronte ao 81,1% de cinco anos antes. Á hora de o falar, un 54,1% da poboación considera que saber falar ben a lingua, fronte ao 67,9% de 2003.
Como melloría para o galego, atopamos un incremento nas competencias escritas, especialmente entre os maiores de 50 anos, malia a que só un 15% da poboación emprega a nosa lingua de xeito habitual nesta forma de expresión.
Os malos datos xerais para a nosa lingua contrastan con grande incremento da presenza do galego nas aulas. En 2008 un 71,9% dos menores de 16 anos recibían a maior parte das súas aulas en galego, mentres en 2003 só o facía un 48,92%.
Tamén as cifras sobre os galegos que mudan de idioma arroxan un balance negativo para a nosa lingua. "No cambio de lingua habitual, por unha banda descende proporcionalmente o número de individuos que aprendendo a falar en castelán pasan ao galego ao tempo que cada vez son máis os falantes nativos de galego que se pasan ao castelán". De calquera xeito, estas mudanzas apenas afectan a un 7% dos falantes en calquera dos dous sentidos.
Entre as persoas que mudaron o seu idioma inicial para o galego, increméntase o número dos que o fan por influxo do ensino e mais por razóns de traballo.

