patrimoniogalego.net está xa presente en 300 concellos

A rede social acadou os 6.000 bens catalogados

O maior rexistro público en liña dos monumentos galegos xa dá información detallada sobre máis de seis mil bens patrimoniais distribuídos por todo o país, e abranguendo xa información de trescentos concellos. Pontevedra e de Vigo, con máis de duascentas fichas localizadas en cada unha das cidades, son os termos municipais con maior representación no catálogo. A ficha número 6.000 corresponde aos bucranios romanos de Tomonte, presentes nunha fonte no concello de Vilardevós, cuxo autor foi o catalogador Xabier Moure. Entre os xa máis de seis mil monumentos inventariados en patrimoniogalego.net, ocupan un lugar preferente os cruceiros e mais as igrexas, con máis dun milleiro de fichas por cada un destes tipos de bens. Séguenlles, de lonxe, os castros, os petróglifos, os muíños, os dolmens, os pazos, as fontes, as pontes, os petos de ánimas ou os hórreos. Logo de ser creado en 2011, o portal foi sumando usuarios e visitantes, superando só no que vai deste ano a cifra récord de 160 mil visitas.