Morre Manuel Ferrol, o fotógrafo que plasmou a emigración

O último carrete

Viviu entre a vida e a morte, porque como fillo do fareiro que era, viu chegar á costa os cadáveres dos mariñeiros que os seus pais amortallaban. Manuel Ferrol (Cabo Vilán 1923, A Coruña, 2003) ollou cara ao mundo a través da fiestra do seu obxectivo e deixouno gravado para sempre. Fotografou a dor e o drama da emigración, que o converteron non só en testemuño senón en símbolo dun movemento social.

O de Manuel Ferrol coa fotografía foi unha relación perpetua, que o enganchou desde o primeiro día que tirou unha foto. Naceu en Cabo Vilán pero era coruñés de adopción, onde estudiou Náutica. Coñeceu o oficio a través do fotógrafo Juan Castuera a principios dos 50 e, desde entón, non volveu soltar unha cámara. Pero Ferrol foi moito máis ca un fotógrafo. Manuel López, director da revista “Foto” que o coñeceu persoalmente di del que “era un home volcánico, porque era un torrente de ideas, quedouse coa desilusión de non ser inventor técnico porque lle gustaba moito facer apaños”.



E ese perfil inquieto reflíctese nunha vida axitada e con moitos cambios. Con só 27 anos montou o seu primeiro taller en Betanzos e as instantáneas coas que foi gañando a vida sucedéronse unhas ás outras. Eran as épocas dos “retratos de nenos, de adultos....”, fotografías de estudio totalmente rutineiras que o propio Ferrol recordou no texto que escribiu para o catálogo da exposición “Vivencias” organizada pola Deputación Provincial da Coruña. De Betanzos trasladouse outra vez á Coruña, onde fixaría a súa residencia. Só uns anos despois foi contratado pola Mariña de Guerra americana para rodar un documental da súa estadía en Ferrol. Foi daquela cando recibiu o premio da Asociación de Artistas, co que a súa carreira se ía consolidando pouco a pouco. É un dos poucos recoñecementos que o artista tivo en vida (en 1999 recibiu da Deputación Provincial o galardón como fotógrafo histórico).



Un punto de inflexión

Pero o seu polifacético perfil -traballaba como reporteiro en varias publicacións (“Gaceta ilustrada”, “Arriba” e “Vida Gallega” entre outras)- levouno de novo á Coruña, onde abriría o seu coñecido estudio na famosa praza de San Nicolás. En 1957 a Comisión Católica da emigración encargoulle un traballo de rexistro de emigrantes que saían do porto da Coruña para América.



Un traballo que daría a volta polo mundo enteiro, que o fixo coñecido a nivel mundial e que o situou nunha elite fotográfica ao lado de nomes tan emblemáticos como Robert Capa, Cartier Bresson, Seymour... Pero un traballo importante por varios motivos. Manuel López destaca a espontaneidade dunhas fotografías nunha época “na que a fotografía que se estaba a facer en España era oficial, que quere dicir que a posición que retrataba era a que mandaba como se tiña que facer a foto”. E non só iso, segundo Manuel López cómpre recordar que “na década dos 50, xusto na longa noite de pedra, a fotografía que se facía era 100% comercial, o que quere dicir que se non hai quen pague non fai a foto”.



Pero Manuel Ferrol quixo plasmar o momento da partida dos emigrantes tal e como foi, coa máxima naturalidade. E tomou as súas fotografías escondendo a súa cámara no peto, como se levara un meniño no colo. “Así, afirmaba o director da revista “Foto”, conseguiu unha espontaneidade completamente innovadora para a época”. Manuel Ferrol afirmou sobre o seu propio traballo “son coñecido e recoñecido en todo o mundo, pois levoume a recoller máis adulacións das que se poderían agardar por unha reportaxe”. De feito, do que si se gababa era de que unha fotografía das súas serviron de inspiración a Chano Piñeiro para realizar os coñecidos filmes “Sempre Xonxa” e “Mamasunción”.



No 65 aproveitou unha convocatoria do NO-DO, co que obtivo o seu traballo fixo como correspondente en Galicia, aínda que non abandonou a fotografía. No seu traballo como operador, recorda Manuel López, “foi un dos primeiros en probar un obxectivo que deseñou Juan de la Cierva, era o Dinalens, un obxectivo cun estabilizador óptico que probou nun helicóptero e que se empregou en escenas moi movidas para que a imaxe fose máis estable”.



“Sigo a traballar, a min xubilarame o tempo que Deus me queira dar; se pode traballar adaptándose aos momentos e conservando o mesmo espírito de sempre” dixo o propio Ferrol no texto “Vivencias”. E xubilouno o seu corazón cando o pasado xoves lle deu un infarto. Foi incinerado no cemiterio coruñés de Feáns o sábado, ata o que se desprazaron amigos e familiares que quixeron despedirse de quen foi o fotógrafo das despedidas.