Guía da música electrónica galega (III): Os protagonistas

Son produtores e dj’s e a súa música soa por todo o mundo

Son produtores e dj’s e a súa música soa por todo o mundo
Hoxe xoves publícase a terceira parte da ‘’Guía da música electrónica: como non perder o loop’’ que se centra nesta entrega nos profesionais deste campo musical. Estamos a falar de artistas galegos que tras unha longa traxectoria, as súas produccións medran ao mesmo tempo que se colocan nos primeiros postos das listas de ventas de música electrónica.

Comezaron sendo moi novos coa música electrónica dende o estudo da súa casa, con equipos analóxicos e escoitando os vinilos dos seus pais. Hoxe, gozan de espallarse por todo o mundo mostrando a boa técnica cos platos e coa producción.

Moitos deles mudaron de residencia, e o destino levounos a cidades como Madrid ou Barcelona. Nestas grandes urbes a oportunidade de medrar profesionalmente é maior, aínda que moitos deles seguen por terras galegas intentando difundir os seus sons como é o caso de John Axiom, Colectivo Oruga ou Ungar.

Todos estes artistas atópanse no momento máis brillante da súa carreira: a públicación de LP’s e as xiras internacionais fan que o seu nome soe en máis dun continente.


1. CORA NOVOA (Ourense)



A ourensá Cora Novoa a pesares de non chegar aos trinta anos, xa se pode considerar unha das produtoras e picadiscos máis importantes da comunidade galega. A súa música é unha diversidade de estilos baixo unha armonía cargada de sentimento e de elegancia. Os seus sons son tan característicos que xa resultan inconfundibles.

Moi nova marchou co seu sentimento lírico a Madrid. Tempo despois mudaríase a Berlín, onde profesionalizaría o seu traballo e con el a carreira musical. Esta artista define as súas produccións como historias que se van encadenando coas súas melodías.

Os seus traballos editados comezaron con The Secret Garden (2010) que a levou a traballar no selo discográfico Natura Sonoris. A través deste selo axiña viñeron os demáis traballos: Playing In Estambul, Unnatainable Love, Icaro ou The Sphinx entre moitos máis.
Foi a encargada de pechar as edicións do Sónar Galicia, e a pesar de non volver a celebrarse, é unha asidua no Sónar Barcelona. Foi nomeada aos premios ‘’ Vicious Music Awards 2013’’ como á mellor dj do ano, á mellor produtora do ano, á mellor artistas experimental do ano e ao mellor track do ano.
Actualmente reside en Barcelona, pero non esquece a terra que a viu nacer onde a miúdo regresa para ofrecer o seu live act. Podes escoitala no seu perfil de Soundcloud ou podes coñecela mellor en A Couple of Days.

2. Fer BR (Cambados)


Fernando Bedriñana ou como tamén o coñecen detrás dos pratos Fer BR é un productor e picadiscos cambadés que está destacando dentro da escea electrónica galega. O gosto por esta música comezou alá polo 2003, e dende aquela non parou ata acadar un posto nos cartaces dos clubes ibicencos.
Grazas ao mercado dixital, este artista como moitos outros, chegou a obter o posto número 1 das listas de vendas de música electrónica. Os seus estilos converxen dende o techno ata o deep house, pasando polo funk.
Coa eclosión que estaba a vivir a súa carreira, el mesmo fundou o seu propio selo discográfico destinado aos sons máis funk e disco, Funk Me Recordings.
Actualmente a súa xira estao levando a actuar por diferentes recunchos de América: Colombia ou Estados Unidos son un exemplo e ademais xa coñece moitos clubes europeos da escea electrónica.
Podes escoitar as súas producións no seu perfil de Soundcloud ou visitalo na súa fan page de fan page.

3. Caradeniño Dj (A Coruña)



Cando de electro, dutch-house, breakbeat, dubstep e punk se trata, podemos falar de Caradeniño Dj. Este productor e pincadiscos coruñés comezou con vinte anos, e sendo tan novo formou parte do cartel do Sónar Galicia.
Participou en moitos festivais (Sónar, Arenal Sound ou FIB) e foi semifinalista do Campeonato Nacional Red Bull Thre3style 2011 e 2012, onde os artistas teñen que realizar unha sesión de quince minutos mesturando tres estilos musicais.
Entre outras cousas, cada ano organiza as festas Vampire Partypor toda Galicia. Un evento cunha filosofía underground: festas para mozos e mozas baixo un toque elegante de electrónica.
Agora mesmo reside en Madrid dende comezou a súa faceta como produtor, a cal está a profesionalizar día a día.
Se queres escoitar os seus recentes álbumes podes facelo a través da súa páxina de Soundcloud ou coñecelo un pouco mellor na súa páxina web.

4. John Axiom (Ourense)



En Ourense a canteira de artistas é variada ao igual que importante, John Axiom é un dos que a conforman. Este produtor de techno melódico e de progressive house tamén forma parte do selo discográfico Natura Sonoris ao igual que Cora Novoa.

A pasión dos seus pais polo jazz obrigouno dende pequeno a mergullarse no mundo da música, e en especial no da electrónica. Anos despois, Jonathan colabora con artistas da talla de Henry Saiz ou Dosem, ademáis de ser un compañeiro habitual de David Granha e Diego Iglesias.

Dende a súa cidade natal -Ourense-, John adica parte do seu tempo ao público ourensán, onde exerce como residente do Monkey Clube actualmente ao igual que imparte clases de producción.

Parece que o 2013 abriulle as portas internacionais. Os seus live act chegaron ata cidades arxentixas coma Bos Aires ou Mendoza.
A guinda do pastel da súa carreira produciuse en decembro do pasado ano, onde unha produción de Diego Iglesias e de Axiom chegaría a Hollywood. Ridley Scott incorporou á banda sonora da longametraxe El Consejero o tema destes dous produtores galegos ’’The Theory Of Fudu’’. Conta este artista que esta satisfación foi unha das mellores da súa vida.
Se queres escoitar os seus traballos podes facelos a través de Soundcloud ou na súa fan page de fan page.

5. Eme DJ (Monforte)



Marta Fierro define a unión entre indie e a electrónica, e como resultado atópase Eme Dj. Das poucas mulleres que se dedican ao mundo da electrónica, Marta comezou dende moi nova en Monforte e hoxe é unha artista imprescindible en moitos festivais españois (FIB, Festival 981 ou PortAmérica).
Escritora, activista, produtora e pincadiscos. Unha música polifacética que lidera varios proxectos como o seu propio programa de Radio ‘’Teenage Thunder’’ en RockolaFm, imparte clases de produción musical e está a escribir o seu primeiro libro.
Entre 2012 e 2013 nacen as súas primeiras producións que acadan ser número un na lista de iTunes, un exemplo é Giant, unha colaboración entre artistas recoñecidas coma Josephine Ayling ou Nimo.
A través da súa páxina web podes coñecela ou tamén no seu perfil de Soundcloud poderás escoitar os seus traballos.

6. COLECTIVO ORUGA (Ponteareas)



O electro-rock ten lugar no grupo pontevedrés Colectivo Oruga. Os músicos son tres: Álex Mera, Iago Martínez e Penido. Unha mistura de guitarras, sintetizadores e voces cheas de enerxía. En 2007 graban a súa primeira maqueta chamada Ricos Modernos e dende ese ano comezaron a chegar os demáis traballos.
En 2010 publican un disco grabado en Nova Iorque ‘’Too Many Knobs’’ (Matapadre Records), un traballo moito máis profesional e maduro, co cal acadarían o recoñecemento merecido.
En 2013 mudan a lingua das súas producións á castelán, e lanzan Paraíso Caníbal. Este último traballo estálle ofertando unha xira nacional e recoñecemento internacional.
Ademáis, teñen un proxecto paralelo adicado só ao estilo electrónico chamado Mcom (microcolectivoorugamachine). Se queres coñecelos máis podes visitar a súa Pianobatacazoo, un EP editado en vinilo ou tres discos en licenza Creative Commons: ‘’Numbers EP’’, ‘’The coldest EP’’ e ‘’Something to do when you don’t fly to Las Vegas’’.
Se queres coñecer algo máis deste artista coruñés, podes visitar a súa fan page de Soundcloud.

8. DARKROW (Santiago)



Sergio Suárez conforma un dos nomes máis importantes do techno no norte peninsular.
Os seus comezos foron no hip-hop e con 17 anos, atravesou o estilo norteamericano para achegarse ao house.
Conseguiu aos 19 anos publicar o seu primeiro disco, e con este feito, comezou a ter un oco nos principais clubes galegos. Actualmente, este artista santiagués xa visitou os mellores festivais españois e é un asiduo dos clubes de Castilla e León e Asturias.
O seu estilo é unha vertente dos sons máis ‘’grooves’’ e techno con pinceladas house; esta mistura acada que os seus sets transmitan frescura e diversión nas pistas de baile.
Tras dez anos de experiencia, Sergio atópase nunha etapa brilante de producción. Xa acadou entrar no recoñecido Top 100 de Beatport.
Se queres coñecer algo máis de Sergio Suárez, podes visitar a súa páxina web, a súa fan page de Soundcloud.

9. DJ INO (A Coruña)




O pai do house galego é coruñés. Comezou polos anos noventa implantado este estilo de Chicago en locais que se converteron no símbolo da noite herculina, falamos de House Café (1997-2006) ou Telefunken (2000-2010).
Moitos anos despois, Dj Ino é un habitual a visitar países internacionais e festivais de renome, tanto, que hoxe en día conta cun prestixio especial debido a súa fonte de estilos que emanan do house. A súa profesionalidade levouno a dirixir o seu último clube Moon 57, do cal é residente, na Coruña.

Contando con un sello propio, House Café Music, converteuse nun referente do estilo más deep do house en España.
Se queres escoitar o house máis herculino que hai, podes visitalo no seu perfil de Soundcloud, visitalo na súa páxina web ou na súa fan pagede Facebook.


10. UNGAR (Monforte)

Ungar pódese considerar como un artista revelación a pesar de levar doce anos no mundo da electrónica. Ademáis de ser picadiscos, este artista xestiona o seu propio selo discográfico Nulabel e comezará a impartir clases na Escola de Música Moderna de Monforte. O estilo que predomina baixo o alias de Ungar vai dende o dub, o minimal e o house pero sen esquecer o techno.
O seu selo discográfico conta cunha suma de máis de cen referencias en formato dixital, o que levou a este artista lugués a encamiñar o seu selo a nivel internacional.

Este 2014 foi o ano que o levou a atravesar fronteiras españolas coa súa música: París foi a cidade coa que compartiu cabina coa picadisco croata Miss Sunshine.
Se queres coñecer máis deste artista revelación podes visitar a súa páxina web ou escoitar as súas producións no seu perfil de Soundcloud.

A canteira de artistas é moi longa e non podemos destacar a todos. Culturagalega.org creou un grupo en Soundcloud para quen estivera interesado/a pode consultar e escoitar as creacións de moitos artistas máis que medran cada día en todos os puntos da contorna galega. Visita o Mapa da Electrónica Galega.