Guía da Música Electrónica Galega (I): a súa historia

A música electrónica cumpre trinta anos no seu mellor momento

A música electrónica cumpre trinta anos no seu mellor momento
A "Guía da Música Electrónica Galega: como non perder o loop" é unha achega a unha música que comezou a súa historia no pop e que evolucionou ata proclamarse a súa independencia. Nesta primeira entrega, poderás explorar unha liña do tempo que ilustra dende os anos 60 ata hoxe as diferentes etapas desta música minoritaria. Os vindeiros xoves terás novas entregas da nosa Guía da Música Electrónica Galega.

A música electrónica é aquela que se crea con ordenadores, sintetizadores, samplers ou caixas de ritmos e que conta cunha historia que moitos e moitas nin sequera imaxinan. En Galicia, a súa orixe está nos anos sesenta cando os sons dos pais da música disco Pink Floyd ou Tangerine Dream chegaban a Galicia.

Entre os músicos galegos, uns dos pioneiros que engadiron a tecnoloxía electrónica as súas composicións foron o grupo de Pucho Boedo, Los Tamara, pero tamén outros artistas recoñecidos como Los Satélites ou The Players, foron tamén os encargados de que o sonido disco pop comezase a vibrar a cotío nas pistas de baile de todos os recunchos.

Pero quen foron os que acarrearon esta música estranxeira a un país que comezaba a espertar dunha ditadura? O escritor Carlos Amado dende o seu libro Seleqtronic.Gal: guía dos seareiros da electrónica galega, mantiña que os mariñeiros asiduos a embarcarse, a ver un mundo moi diferente do da terra natal foron dos pioneiros en importar esa música estranxeira. A diáspora, que a moitos galegos e galegas obrigou a deixar o seu fogar, foi tamén un dos motivos cos que a música electrónica en Galicia se conformaría.

Paso á movida viguesa, punto neurálxico da vangarda
A movida dos oitenta en Vigo foi un dos escenarios onde a música (pop e rock), a cultura, a creatividade artística e a audiovisual eclosionarían, promovendo así a todos os artistas que deron paso a próspera postmodernidade. Os Resentidos ou Aerolíneas Federales marcaron a movida viguesa, mentras que na metade norte do país comezaba a escoitarse xa a denominada "música costeira e atlántica galega".

A canteira de artistas picadiscos e productores comezou a ver luz: Jesús del Campo, Humanoid, Doc Manhattan, Víctor Flores, Prozack e moitos máis axudaron a despegar a milleiros de mozos e mozas das súas casas nas noites de sábado. Onde? En lugares que xa quedaron enmarcados como os templos da música electrónica en Galicia: La Capilla, Vademecwn, La Cripta ou El Manco. Estes locais foron os promotores en promulgar os ritmos electrónicos.

A música electrónica é cultura
Os anos noventa, un periodo de avance económico e tecnolóxico, deron o recoñecemento da música electrónica por parte da cultura. O Centro de Arte Contemporánea de Galicia (CGAC) impulsou dende 1993 as xornadas de música contemporánea e a creación dun Laboratorio de creación musical a través de aplicacións tecnolóxicas. Este impulso daría lugar o que se coñecería como "cultura de clube" e permanecería no tempo ata os nosos días.

O éxito da música electrónica faría nacer, a comezos deste novo século, centos de festivais que alimentaron este estilo musical minoritario vinculándoo a súa vez co resto da cultura: 981 Festival, Technological, Creamfields Vigo, ArTeC, Sónar Galicia…

Trinta anos despois o directorio de artistas galegos medra cada vez máis, forxa a novos productores, forma a novos picadiscos e creánse e converxen novos estilos musicais.

Esta liña do tempo da música electrónica galega fai un repaso polos acontecementos que fixeron que este estilo vangardista e minoritario loitara para que se consolidase no tempo.



Consulta a liña do tempo