Compostela acolle a primeira exposición de arte de Abanca

A entidade manterá un investimento mínimo de 5 millóns de euros anuais en obra social

Obra de María Blanchard presente na exposición
Obra de María Blanchard presente na exposición
Tradición, cambio e innovación é a primeira grande mostra que organiza a entidade financeira Abanca logo de tomar o relevo de Novacaixagalicia. O Centro Social de Santiago de Compostela, na Praza de Cervantes, reabría onte as súas portas para achegar unha exposición de 111 obras de destacados artistas do século XX. Cadros de Picasso, Dalí, Castelao, Maruja Mallo, Laxeiro, Luis Seoane ou Colmeiro que fan parte dos fondos da entidades poden verse neste espazo ata o vindeiro 30 de setembro.

Abanca compremeteuse coa Xunta a finais do pasado mes de xullo a manter un investimento mínimo anual de 5 millóns de euros na antiga fundación Novacaixagalicia. Esta contía poderá incrementarse a partir de 2017 ata o 3% do total de beneficios que obteña anualmente a entidade. Con este orzamento, Abanca prevé continuar coa obra social que desenvolvían as antigas caixas.