Galegos somos e no Facebook atoparémonos

As redes sociais teñen no noso país un éxito superior á media estatal

Malia a que a media de conexións por fogar continúa por detrás da media estatal, semella que os galegos nos adaptamos ben ás novas tecnoloxías, aínda que o facemos ao noso xeito. Máis fibra óptica, máis conexións móbiles e, especialmente, un maior emprego das redes sociais e interese polos contidos culturais apúntanse como algúns dos feitos diferenciais galegos en Internet. O Observatorio da Cultura do Consello da Cultura Galega analiza a relación entre Cultura e novas tecnoloxías no seu novo informe.

Os datos da Encuesta sobre Equipamiento y Uso de Tecnologías de Información y Comunicación en los Hogares elaborada anualmente polo Instituto Nacional de Estadística e mais a enquisa realizada pola Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación (AIMC) son as fontes coas que o Observatorio da Cultura do Consello da Cultura Galega elaborou o informe que hoxe presenta publicamente. Cultura e novas tecnoloxías retrata o xeito no que empregamos as novas ferramentas no noso país.

Atrás e adiante
Continúa a ser certo que os galegos seguen por tras das media estatal na adaptación das novas tecnoloxías. O número de persoas que empregaron o ordenador nos últimos tres meses sitúase en 2013 nun 66,7% fronte ao 72,1% da media española e en total un 1,4 millón de persoas empregaban en 2013. Do mesmo xeito, o número de equipamentos deste tipo por vivenda tamén se mantén por baixo do conxunto estatal, cun 42,6% de vivenda con computador de sobremesa e un 51,2% das mesmas nas cales hai un portátil. Fronte a isto, os galegos estamos por diante na incidencia da fibra óptica (un 24,7% das conexións fronte ao 18,9% español) e nas conexións con dispositivos de man, que son empregados por un 55,2% dos internautas no noso país.

Segundos en redes sociais
O 76,9% dos internautas galegos participa dalgunha rede social a diario. A cifra, seis puntos por riba da media estatal, unicamente é superada polos estremeños. Ademais disto, Galicia é a comunidade con máis usuarios de Facebook de todo o estado cun 83,2% dos usuarios da rede. Facebook e Twitter están á cabeza nas redes favoritas. En canto ao uso que se lles dá a estas ferramentas, os galegos sinalan o manter relacións cos amigos como a principal razón para as empregar. A tendencia ao emprego de redes sociais semella estar a medrar de xeito acelerado no noso país a respecto da media estatal, cunha suba total do 62% de usuarios desde 2009.

Contidos
A nivel de contidos, a actualidade e mais os temas culturais marcan en boa medida o noso interese pola rede. Así, despois do correo electrónico (que perde usuarios no último ano e fica nun 85%), consultar revistas de actualidade, xornais e noticias segue a ser o máis demandado. No caso galego, ademais, a porcentaxe de persoas que utilizan Internet para ler noticias supera en oito puntos (cun 78,7%) a media estatal.

Menos blogs
Fronte ao emprego ascendente das redes socias, semella que o fenómeno dos blogs está a decaer. Se en 2010 o 8,5% dos internautas dispuñan dunha destas publicacións electrónicas e actualizábana con frecuencia, en 2013 a porcentaxe baixou ata un 4,5%. A participación na rede mediante achegas de fotografías, vídeos, comentarios ou música mantense máis ou menos estable desde 2009, cun incremento significativo da publicación de textos ou comentarios, que neste tempo pasou de ser cousa dun 18,8% dos internautas a facer parte da actividade do 42.4%.

Comercio electrónico
O interese pola cultura tamén se deixa sentir no emprego que lle damos ao comercio electrónico. As entradas para concertos e espectáculos son o máis adquirido por este medio, tanto a nivel estatal como en Galicia, aínda que os galegos cada vez apostan máis por este medio, que se incrementou un 1,3% en 2013 ata chegar ao 38,9% dos internautas do país mentres no conxunto do Estado a medida descía tres puntos. Os galegos tamén mercamos máis cine e música na rede, cun incremento nada menos que do 13% en 2013 que sitúa a cifra nun 23,3% dos usuarios da rede. En xeral, as adquisicións mediante comercio electrónico con fins privados ou para o fogar está en Galicia por riba da media española.

Webs
Na listaxe das webs máis visitadas polos internautas galegos atopamos tres do noso país. La Voz de Galicia, no posto número 3, Mundo-R, no cuarto e o Faro de Vigo no décimo lugar, sitúanse á parte de contidos internacionais e estatais, con Facebook, como non, á cabeza. Logo destas, o seguinte web máis consultado polos galegos é Meteogalicia.es, e a esta ségueo o web da Xunta.
O informe Cultura e Novas Tecnoloxías íntegro no web do Consello da Cultura.