A Real Academia de Ciencias dedícalle este ano o Día do Cientifico Galego, que se celebra o 16 de xuño, a Luís Iglesias. Investigador, naturalista e reitor da Universidade de Santiago, Iglesias foi entomólogo, divulgador, traballou en ámbitos como a ornitoloxía, a mineraloxía. Ademais foi un dos principais promotores do Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago ao que contribuíu coas súas coleccións e que hoxe leva o seu nome. Entre outros cargos, chegou a ser director do Seminario de Estudos Galegos, membro da Real Academia Galega e promotor da Real Academia Galega de Ciencias, que agora lle rende homenaxe.