As múltiples capas do castelo de Pambre

A rehabilitación e escavación arqueolóxica de Pambre revela as orixes antigas da ocupación do outeiro

Os arqueólogos localizan o pozo do castelo de Pambre. Foto: M.G.
Os arqueólogos localizan o pozo do castelo de Pambre. Foto: M.G.
Entramos na rehabilitación do Castelo de Pambre para coñecer que é o que os arqueólogos están a descubrir nun dos castelos mellor preservados de Galicia. Capas e capas de obxectos que dan conta da vida cotiá da fortificación, dos seus momentos bélicos pero tamén dun pasado tan remoto como inesperado.


A silueta do Castelo de Pambre, na comarca luguesa da Ulloa, é un dos iconos do interior de Galicia. Construído no século XIV pola familia Ulloa, Pambre ergueuse nas proximidades do río do mesmo nome sobre un afloramento rochoso, e a vella capela románica que alomenos desde o século XI daba servicio á parroquia rural na que se asenta. Nun contexto enormemente fortificado xa de vello (enfronte ten un impoñente castro e río abaixo, a pouca distancia, os restos doutra fortificación posiblemente altomedieval), Pambre impúxose como uha obra arquitectónica que “buscaba a perfección”, sinala Mario Crecente, arquitecto director da obra.

O día que visitamos o Castelo de Pambre podería pertencer á ambientación invernal da novela homónima do coengo da catedral de Santiago López Ferreiro. Frío, vento e chuvia que facían soar as andamiaxes e os sistemas de seguridade en obra da empresa que está a rehabilitar a vella, pero aínda moi sólida, estrutura do castelo. Os arqueólogos, dirixidos por Santi Collazo, concentrábanse en determinar as orixes desta fermosa fortificación medieval.

Traballar nunha lameira
As condicións climatolóxicas de traballo no castelo foron durísimas todo o inverno: os arqueólogos traballan nun lameiro que lles obriga a parar cando a chuvia arreciaba forte. Nunha profesión no que os cambios na coloración da terra, por exemplo, son importantes, a chuvia exerce como un axente distorsionador. O día no que fixemos a visita, ademáis, había pouco que localizaran un pozo no interior do castelo. Un dos arqueólogos traballaba pacientemente no interior do pozo. A obra estaba rematada coa mesma poderosa canteiría que o resto do recinto, pero o técnico traballaba, a varios metros de profundidade, en escasos dous metros cadrados cheos de entullo, barro e residuos, no que aparecían, intercalados, fragmentos cerámicos que dan conta da vida cotiá no castelo ao longo dos séculos.

O tema da auga era fundamental, e tiña obsesionado ao equipo. Crecente, o director de todo o proxecto, conta como en certo xeito, localizar os recursos hídricos da fortificación convertiuse case nunha obsesión, e desde logo unha teima especulatoria para o equipo ata que nos últimos días aparecera ese pozo que xa permitía comprender como os habitantes de Pambre podían resistir no caso de asedio. Non moi lonxe do pozo, unha especie de canalizacións na rocha nai poderían servir, tamén, para o aproveitamento da auga da chuvia, pero por agora o seu uso era aínda unha hipótese.

O estudo arqueolóxico de Pambre, canda os estudos previos arquitectónicos sobre a fortificación, permitían determinar en que consistiron os traballos de adaptación do medio para construír este soberbio edificio. Agora, a existencia dun gran volume de rocha nai, de rochedo previo, pódese apreciar con moita máis facilidade. O outeiro no que foi construído Pambre era realmente un gran rochedo, con batolitos graníticos que, nalgún caso, foron aproveitados e respectados polo arquitecto do castelo e noutros casos foron rebaixados ata a base para encaixar dependencias e cimentos. Para facermos unha idea: Pambre sen o castelo, no século XI, pareceríase moito a unha paisaxe galega ben coñecida, na que unha ermida románica está ao pé dun outeiro con grandes bolos de pedra.

A viaxe ao pasado

Pero as evidencias arqueolóxicas de Pambre xeneraron moita expectación porque ían moito máis alá do agardado baixo o castelo. Baixo Pambre existen evidencias de uso do espazo alomenos ata época galaicorromana (e algunhas son espectaculares), que xeneraron gran expectación, pero non é menos espectacular a colección de achados bélicos, unha enorme colección de puntas de flecha e mesmo unha rodela dunha armadura.

Volvamos a esa imaxe anterior ao castelo e vexamos a capela de Pambre, á sombra de grandes batolitos de pedra. Todo ao redor da capela, e descendendo desde ela, é onde aparecen os restos máis antigos da intervención arqueolóxica. Como era agardado nun templo medieval, o seu interior está cheo de tumbas nas que aínda se poden distinguir algúns restos orgánicos dos defuntos. Pero na zona exterior, á altura do hórreo, aparecen tumbas mesmo en distintos niveis que poderían remontarse ao periodo xermánico. Unha necrópole moi usada ao longo do tempo. Estes días desmontouse o hórreo do século XIX localizado ao carón da capela para poder abordar a escavación desa zona con máis facilidade. Seguindo máis abaixo por esa pendente, Santiago Collazo amósanos unha cata, xa tapada, na que apareceu un muro moi antigo, de gran porte e en bo estado, por debaixo das monumentais estruturas do castelo, e que tamén parecía remontarse na súa cronoloxía a unha fase moi antiga da Idade Media ou mesmo atrás. Todo o material galaicorromano e tardorromano aparece, xa que logo, aos pés do antigo outeiro pétreo. “É un castro isto?”, preguntamos. “Non”, responde Crecente. A resposta é rotunda. A presenza de materiais moi importantes, como un fermosísimo mango dun puñal de antenas (que pode moverse entre cronoloxías anteriores ao cambio de era ata épocas romanas) induce a pensar en que o lugar tivo algún tipo de relevancia á que os investigadores aínda non saben asignar unha función.

Porén, a localización dos elementos bélicos do castelo atópanse noutra zona xa máis inserta en plena configuración medieval, na zona do noroeste, e preto da entrada orixinal do castelo medieval. Os arqueólogos gardan nas dependencias do “pazo” (as casas de caseiros de Pambre) o material mentres o van clasificando. Unha gran colección de moedas vai dar conta dos momentos medievais de ocupación do castelo, pero o material militar supón unha ollada directa á enorme conflitividade social e militar da Galicia dos séculos XIV e XV.

O puzzle que se vai construíndo
Pambre é un castelo tan canónico que as obras de rehabilitación van facendo aparecer todos os elementos que un podería agardar dun castelo. Os traballos de limpeza, por exemplo, revelaron a existencia das poternas, as pequeniñas poternas ubicadas en sitios discretos que permitían aos sitiados zafaren do asedio nun momento dado. As poternas de Pambre son pequenas e discretas entradas delimitadas por un arco. Non son os pasadizos das lendas, pero teñen un aire parecido.

A rehabilitación tamén inclúe entender o percorrido dos futuros visitantes, que deben combinar a seguridade e a accesibilidade coas necesidades didácticas. Crecente vai sinalando as áreas de paso que permiten superar algunhas dificultades na estrutura. A visita case estará concebida como un percorrido circular no que se pode asistir con billete de primeira clase ao espectáculo das fortificacións militares da Idade Media: Pambre non é o castelo máis grande de Europa, pero sen dúbida é un modelo case canónico para comprender as fortificacións nobiliares da Baixa Idade Media.

Os achados de Pambre

Os achados de Pambre

O arqueólogo Santiago Vázquez Collazo explica a escavación da capela do castelo

Diversidade de épocas nas tumbas. A diferencia de altura entre as tumbas amosa que son de distintas épocas. Foto: M.G.

Diversidade de épocas nas tumbas. A diferencia de altura entre as tumbas amosa que son de distintas épocas. Foto: M.G.

O pozo como depósito de material do castelo. Foto: M.G.

O pozo como depósito de material do castelo. Foto: M.G.

Detalles estéticos. Santiago Vázquez Collazo amosa o coidado dos canteiros en ensamblar o seu traballo coa pedra orixinal.

Detalles estéticos. Santiago Vázquez Collazo amosa o coidado dos canteiros en ensamblar o seu traballo coa pedra orixinal.

Armamento medieval. Unha das sorpresas da escavación é a enorme cantidade de puntas de flecha e restos de armadura localizados. Foto: M.G.

Armamento medieval. Unha das sorpresas da escavación é a enorme cantidade de puntas de flecha e restos de armadura localizados. Foto: M.G.

Santiago Vázquez Collazo amosa o mango de puñal de antenas. Foto: M.G.

Santiago Vázquez Collazo amosa o mango de puñal de antenas. Foto: M.G.

Mango do puñal de antenas galaico en bronce localizado na cata 3 do castelo.

Mango do puñal de antenas galaico en bronce localizado na cata 3 do castelo.