A Fundación Laxeiro achégase á estética granítica de Arturo Souto

Insírese no ciclo Os novos sobre a vangarda histórica galega

Arturo Souto (Pontevedra, 1902- México, 1964) foi un creador que xogou un papel destacado no que se chamou estética granítica, concepto que define a forma de pintar dos Renovadores, creadores do primeiro terzo do século XX. E nove das súas obras conforman a exposición Arturo Souto, nove óleos sobre lenzo (ata o 22 de xuño) coa que a Fundación Laxeiro se achega á vangarda histórica galega. Nesta mostra pódese ver, de xeito formal, o tratamento da luz e da cor, das composición complexas con primeiros planos; mentres que dun punto de vista temático, recolle a soidade existencial, a recreación e escenas exóticas que marcan ese discurso persoal e cosmopolita deste creador.