Un comunicado conxunto denuncia a situación da cultura do país

As asociacións de editores, escritores e de literatura infantil e xuvenil asinan o texto

A cultura galega, a nosa angueira é o título do comunicado conxunto que acaban de facer público a asociación de Editores (AGE), a de Escritores en Lingua Galega (AELG) e mais a do Libro Ifantil e Xuvenil (GALIX). No texto, os colectivos denuncian "o vento e a marea institucional que, escudándose na crise, practican a destrución cutlural de noso". Nese sentido, sinalan que "2013 confirmou unha praxe política de desmantelamento de sectores culturais", e lembran medidas como a suba do IVE aos produtos culturais ou, a nivel autonómico, a supresión do Día de Rosalía do Calendario do libro e da lectura ou o recorte de fondos para bibliotecas e a edición de materiais didácticos en galego.

A lembrar datos como a perda dun 38% do emprego na edición galega nos últimos seis anos, ou a redución da presenza do galego nas aulas. Fronte a esta situación, as tres asociacións sinalan que " Seguiremos creando con gracia ou sen ela, na lingua que falamos porque a nosa angueira é que a nosa lingua e a nosa cultura sexan plenamente normais e estean presentes en todos os lugares e en todos os tempos".
A cultura galega, a nosa angueira.