O CGAI intégrase no circuíto de cine independente en centros públicos

O centro tamén realizará o seu primeiro ciclo fóra da Coruña

A sede do Centro Galego de Artes da Imaxe na Coruña estréase esta semana como sala de exhibición do primeiro Circuíto de Cine Independente en centros culturais públicos que se acaba de crear a nivel estatal. Esta rede, que conta coa participación de entidades como o Centro Cultural Niemeyer de Avilés, a Tabakalera de Donostia, o Museo de Arte Contemporáneo de Castilla y León (Musac) de León e a Filmoteca de Culturarts-IVAC de Valencia pretende achegar ao público filmes que non chegan a se distribuír en salas convencionais no Estado. Museum Hours de Jem Cohen, é o filme que abre hoxe este programa, que continuará a vindeira semana con I used to be darker de Matthew Porterfiled.

De xeito paralelo, o CGAI anunciaba a pasada semana que iniciará o primeiro ciclo de cinema fóra da súa sede na Coruña. Un convenio co Cineclube Padre Feijóo de Ourense levará a esta cidade un filme semanal dos fondos do Centro ata final de ano. O proxecto desenvólvese no marco dun convenio entre as dúas entidades. Os cineclubes galegos xa estaban a proxectar desde o pasado ano filmes dos fondos do CGAI.