Autores galegos visitan o festival de Angoulême

Miguelanxo Prado e David Rubín únicos que acoden convidados por editoras

O 30 de xaneiro arrinca unha nova edición do Festival Internacional de Banda Deseñada de Angoulême, considerado o máis importante de Europa. Ao evento, como está a ser habitual nos últimos anos, acoden diferentes autores galegos con intención de dar a coñecer o seu traballo entre os editores franceses, realizar contactos profesionais ou coñecer como se move o mundo da BD alén dos Pireneos. Desta volta, Miguelanxo Prado e David Rubín son os únicos creadores que aparecen na lista de participantes convidados por editorias, e asinarán as súas obras nos postos instalados ao efecto.

Canda a eles, anunciaron a súa presenza no evento o dúo colectivo Bravú e mais unha delegación da escola de banda deseñada O Garaxe Hermético, composta por dez dos seus alumnos (o pasado ano foran tres) e mais os profesores e autores Miguel Porto e Kiko da Silva. Outro dos profesores da escola, Fernando Iglesias Kohell, está a participar, a distancia, no desafío 24 de Horas de BD na que os inscritos se comprometen a realizar unha BD de 24 páxinas nese tempo. O seu traballo pode seguirse en liña.