As galerías galegas súmanse á proposta de ARCO levando o máis rupturista e innovador dos artistas galegos

Non apto para clásicos

13/2/2003 | Santiago. Redacción | Seccións: Arte
18 lecturas | Compartido 0 veces
Comeza ARCO. Non é só unha das feiras internacionais de arte contemporánea de maior relevancia do mundo. Pero... ¿que é ARCO? ARCO é un sinónimo de arte contemporánea. É unha feira, un mercado nos que uns compran e outros venden os seus traballos que son o “último” do mercado e é tamén un punto de encontro para o debate teórico da arte. Pero aínda hai máis....

Sigue a feira día a día en culturagalega.org
...277 galerías procedentes de Europa (en total 216), Norteamérica (24), Latinoamérica e o Caribe (26), Asia (6) e Oceanía (4), das que 50 chegan por primeira vez a ARCO; 250 expertos, directores e conservadores de museos; un custo de 5.5 millóns de euros que conseguirán reunir no recinto Juan Carlos I de Madrid, a máis de 200 primeiras figuras do mundo da arte desde hoxe e ata o vindeiro martes.



Un mercado

ARCO é unha feira e, como tal, os galeristas acoden cos seus artistas preferidos para vender. Pero non todo é tan doado cando existen un número de galerías tan elevado. As leis do mercado, as da oferta e da demanda non sempre valen.



O metro cadrado dun posto expositivo custa nada menos que 161 euros. E o espacio mínimo dispoñible é de 50 metros cadrados. Unha cifra moi avultada (non están incluídos os gastos de luz, aparcadoiro, traslado de obras...) que condiciona moito a presencia das galerías (que, ademais, deben estar convidadas). Por ese sentido os galeristas galegos, coma todos, teñen claro que a súa previsión é cubrir gastos. E aquí entra o principal paradoxo xa que as galerías non teñen garantido que a súa presencia en ARCO lles reporten beneficios, pero teñen que estar. E este imperativo dáse porque o negocio da arte non sempre resulta rendible a curto prazo. De feito, apunta Adolfo Sobrino, director da galería SCQ, "trátase de asumir un risco económico grande, pero participar representa un respaldo importante, xa que ás veces xera clientes que non resultan rendibles ata dentro de catro anos".



¡Exhibe para vender!

Por iso as galerías galegas que acoden a ARCO, ultiman os detalles e preparan a súa artillería pesada para que a súa presencia non pase desapercibida. A santiaguesa Trinta, dirixida pola galerista Asumpta Rodríguez, presenta na súa escolma a Jorge Barbi, Basallo, Berta Cáccamo, Vari Caramés, Xosé Freixanes.... Pola súa parte, na nómina de autores que presentan SCQ-VGO (unha proposta conxunta das dúas galerías, que pertencen aos mesmos donos) figuran Antón Patiño, Darío Álvarez Baso, Carlos Rial, Fernando Casás e Tono Carbajo entre outros.



A galería viguesa Ad Hoc elixiu a Xoán Anleo, Juan Bosco Caride, Suso Fandiño, Arturo Fuentes, Armando Mariño, Chelo Matesanz e Isaac Pérez. Seguindo en Vigo, a galería Bacelos presentará en ARCO a Chema Madoz, Juan Carlos Meana, Ana Teresa Ortega, Andrés Pinal, Domingo Sánchez e Manuel Vilariño.



Completa o panorama galerístico a ourensá Marisa Marimón que leva a obra de Alberto Barreiro, Vicente Blanco, Salvador Cidrás, Alberto Datas, Santiago Mayo, Álvaro Negro, Xavier Toubes e Manuel Vázquez.

Pero tamén hai artistas galegos que acoden a ARCO con outras galerías. É o caso de artistas como Paco Leiro ou Antonio Murado.




... ou para presentar

Fariña doutro saco é o que acontece cos museos, que non acoden a Madrid coa intención de vender, senón de promoverse ademais de ofrecer apoio institucional á feira. Por este motivo, o Centro Galego de Arte Contemporánea (que alberga os fondos da Fundación ARCO) este ano decidiu non acudir á feira cun posto. Presente na feira desde a súa creación, o CGAC facía da súa presencia en Madrid unha presentación pública, dando a coñecer xa non a existencia do museo senón a súa esencia no escaparate máis idóneo. Algo común a todas as fundacións e museos presentes en ARCO. Unha idea que desbotaron este ano. Si estarán pero para mercar, cumprindo así co compromiso que teñen con ARCO de adquiriren obras por importe de 90.000 euros (polo que logo serven de depósito dos fondos da fundación ARCO ata que teñan sede propia). Cousa diferente é o que acontece co MARCO, xa que o acabado de crear museo de arte contemporánea de Vigo forma parte dunha rede de museos (Artium de Álava e o Centro José Guerrero de Granada) que se presentará coa colección "Melodrama". O apoio institucional galego complétase co MACUF de Unión Fenosa que leva este ano as obras de Juán Cidrás, Cristina Iglesias, Jose Luis Vento e Carlos Rial.



Un ARCO moi innovador

Esta vixésimo segunda edición de ARCO abre as súas portas cos tres grandes obxectivos de calquera feira actual da arte que se organice: renderlle unha homenaxe a Suíza, dentro da categoría de país invitado; impulsar os novos valores, formatos e linguaxes (sobre todo a arte tecnolóxica) e considerar o valor da fotografía como un soporte máis que adquire importancia.



E para iso revísanse as antigas seccións que sofren un cambio conceptual, adecuado á súa nova natureza. Uns proxectos que están atentos aos cambios estéticos que se produce na arte. Son os barómetros e os medidores dos cambios. Preséntanse así "Futuribles" substituíndo a "Cutting Edge", que pretende botarlle unha ollada á arte que vén, un indicador do que se anuncia como a arte que chega. Ademais, con "ART NKNOWN" (antigo "Project Rooms") pretende incidir nese valor engadido da arte que o diferencia de ser un mero producto financeiro. Son os novos valores, a xente non coñecida que fai pensar en todas as manifestacións artísticas que non se coñecen. E sobre elas, precisamente, incidirán no Foro Internacional de Expertos, onde coleccionistas, directores, conservadores, xestores e comisarios dos principais museos e centros de arte do mundo debaterán sobre a distribución e exhibición do obxecto artístico, o novo coleccionismo e as novas linguaxes da arte actual.




En culturagalega.org preparamos entrevistas con artistas, galeristas, un perfil das institucións públicas ou privadas e a súa presencia en ARCO, así como unha galería de fotos para que, se non podes ir a ARCO, vexas o que artistas galegos exporán en Madrid. Un material que irás vendo día a día.

Universo culturagalega.gal

13/02/2013

Arredor do ARCO

Cinco galerías galegas exhiben as súas apostas nas feiras paralelas a ARCO

12/02/2013

No punto de mira

Revisamos a aposta das galerías galegas presentes en ARCO