Cando a didáctica se fixo mecánica

Fora concibido para alixeirar o peso dos escolares

O libro mecánico deseñado por Ángela Ruiz. Foto: MUNCYT
O libro mecánico deseñado por Ángela Ruiz. Foto: MUNCYT
A galega Ángela Ruiz patentou un prototipo do hoxe en día coñecido coma o "libro electrónico dos anos cincuenta". A falta de crenza na súa viabilidade e de recursos económicos fixo que a súa patente non chegase a comercializarse xamais. Sesenta anos despois, o seu libro electrónico exponse no Museo de Tecnoloxía e Ciencia da Coruña. Unha publicación do Ministerio de Economía recolle agora a historia deste dispositivo.

Ata agora considerábase que o inventor do libro electrónico fora o norteamericano Michael Hart en 1971. Porén, en 1949 a mestra dona Angelita, como lle chamaban os seus alumnos, obtivo a patente número 190 698 a favor dun procedemento mecánico, electrónico e mediante presión de aire para a lectura de libros, tamén denominado enciclopedia mecánica. “Os libros nos anos corenta aínda eran en branco e negro e coloreábanse á man. Ángela Ruiz quería engadir colorido aos textos, interactividade e interdiscliplinariedade” comenta Ramón Núñez Centella, director do MUNCYT. O Ministerio de Economía publicou recentemente a monografía Ángela Ruiz Robles y la invención del libro mecánico. Trátase dunha investigación realizada desde diferentes autores sobre a obra desta inventora e recolle documentación ata agora inédita sobre o proceso creativo desta mestra.

Alixeirar as mochilas escolares
Coa idea de alixeirar o peso das carteiras dos nenos, esta inventora ideou un artefacto composto por cintas de texto e ilustracións que ían pasando por varios carretes. Cada un equivalente ás diferentes materias incorporadas dentro dun estoxo. A metodoloxía didáctica que promovía consistía en aprender a través da relación de conceptos e non do estudo en bloques. Nun mesmo espazo podíase ter a mesma materia en varios idiomas, con diferentes tamaños de letra e distintas cores. O seu propósito era acadar a máxima aprendizaxe dos estudantes co menor esforzo. “Portátil, que pese pouco, de uso no fogar e no colexio” sinalaba a autora nunha entrevista a El Correo Gallego no ano 1962. “As bobinas son automáticas e poden desprazarse do estoxo da enciclopedia e estenderse, quedando toda a materia á vista; pode estar sobre unha mesa ou perpendicular, facéndoo máis cómodo para o lector”.

O prototipo da enciclopedia mecánica construíuse nos talleres militares de Ferrol en 1962. O estoxo que recobre o aparato foi engadido despois e, aínda sendo de metal, a inventora xa prevía que podería ser doutros materiais máis lixeiros como o plástico. O MUNCYT recolle nas súas salas a peza facendo un pequeno recoñecemento á súa obra, “non é exactamente un prototipo senón un modelo da idea do libro mecánico que tiña na cabeza. Nas patentes pódese ler a idea de que o aparato fose eléctrico pero nos anos corenta a electricidade non se aplicaba a estes aparellos” segundo Núñez Centella.

Esta inventora foi unha adiantada á súa era. Pero a súa condición como innovadora e a falla de recursos económicos remataron co éxito do seu desenvolvemento comercial e “non había solución técnica por aquela época”.

Unha profesional do ensino
Ángela Ruiz Robles (1895-1975) naceu en Villamarín, un concello da provincia de León. Tras rematar os seus estudos superiores na Escola Normal de Mestras e Mestres de León, impartiu as súas primeiras clases docentes en taquigrafía, mecanografía e contabilidade. Mudouse a Gordón (León), onde foi directora do colexio durante uns meses. Tras obter a súa praza de mestra en Santa Uxía de Mandiá (Ferrol), deixou a súa terra natal e afincouse en Galicia en 1918, onde pasou o resto da súa vida.

O seu ímpeto por facilitar e mellorar a ensinanza aos seus alumnos levouna non só a facer outra serie de invencións, coma o Atlas Gramatical (baseado no hipertexto) ou a Máquina Taquimecanográfica (baseada en pulsacións), senón tamén a publicar un total de dezaseis obras, as tres primeras tituláronse: Compendio de ortografía castellana, Ortografía castellana e Taquigrafía martiniana abreviada moderna. Unha vida dedicada ao campo didáctico, que non atopou lugar para ser desenvolvido.